Sunday 11 de May de 2025

Obradoiro de cómic con Cristian F. Caruncho para festexar o Día dos Museos en Fene


Os participantes aprenderán a facer un cómic traballando co personaxe de Sainza a punkiereteira

O Museo do Humor Xaquín Marín abre o prazo para apuntarse ao obradoiro de cómic que impartirá o debuxante e autor de bd Cristian F. Caruncho (Couzadoiro, Ortigueira, 1997). A actividade, dirixida a persoas de todas as idades a partir dos 7 anos, terá lugar no museo o vindeiro xoves, 15 de maio, de 18 a 20 horas. As inscricións, de balde, deberán realizarse enviando un correo electrónico a museodohumor@fene.gal, indicando nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. O número de prazas é limitado (20), cubríndose estas por rigorosa orde de inscrición ate completar o aforo. Actividade organizada co gallo da conmemoración do Día dos Museos 2025.

Cristian F. Caruncho estudou ilustración na EASD Pablo Picasso e historieta no Garaxe Hermético (Pontevedra). En 2011 creou o fanzine Historias de Regho Torto (autoedición) e ese mesmo ano resultou gañador do concurso de Banda deseñada da Mariña que organizou a Asociación Cultural Os Matos Biblioteca IES Perdouro, coa primeira parte de O home que liberou a fraga.

Ten colaborado con medios como Diario de Pontevedra, amais de participar nos volumes colectivos Licor café e O puño e a letra. En 2019 publicou o su libro de cómic Grandarroiba e realizou o videoclip de animación Semilllas, para Tremenda Jauría e Fermín Muguruza. Saínza, a punkiereteira é o título do libro ilustrado que publicou canda María Canosa (Cee, 1978), escritora cunha longa traxectoria como autora de literatura infantil e xuvenil.

Na súa obra, Cristian “manifesta tanto as súas preocupacións ecolóxicas e ambientais coma o seu coñecemento do rural galego. Capaz grazas a un moi particular humor de atemperar la comicidade de moitas das situacións plantexadas nas súas historias sen que o motivo ou a problemática social destas quede relegado a un segundo plano”.

Malia a súa xuventude, Cristian F. Caruncho ten colleitado xa varios premios coma o :

1º Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña por O día de San Martiño. 2023

Premio Carlos Casares-Kristina Berg ao talento creativo.2020

3º premio Xuventude Crea. 2018

1º premio, XX Concurso Curuxa Nova, Museo do Humor de Fene, 2016

1º premio, II Certame Benito Losada de Banda Deseñada (cat. xuvenil), 2013

1º premio, I Certame Benito Losada de Banda Deseñada, 2012

1º premio, III Certame de Cómic da Mariña, 2011

Deja un comentario