
O proxecto agrupa en zonas estratéxicas todos os contedores de lixo para facilitar a separación dos residuos.
Para embelecer estes espazos, o goberno local está a colocar valados, que se irán estendendo polo municipio.
O Concello de Ponteceso está comezando a desenvolver un plan para promover a reciclaxe entre a veciñanza, un eido no que está comprometido xa con outras iniciativas, como a da compostaxe doméstica. Así, están a agruparse todos os contedores de lixo en diferentes zonas estratéxicas do municipio, creando unha especie de “mini puntos limpos”, onde as persoas que vaian botar os seus desperdicios poidan atopar nun mesmo punto os cubos necesarios para facer unha correcta reciclaxe.
O alcalde, José Manuel Mato, afirma que “esta iniciativa ten un valor dobre: por unha parte, fomentamos un feito tan importante para a conservación do medio como é a reciclaxe dos residuos e, por outra, grazas a esta acción, logramos entre todos unha rebaixa na taxa de basuras”.
O obxectivo que persegue o goberno local é reducir os puntos de colectores, relocalizándoos en lugares nos que sexan accesibles para toda a veciñanza e poder facilitar así o traballo tanto da veciñanza como dos servizos de recollida. Actualmente xa existen algúns destes novos espazos, por exemplo, na Avenida de Bergantiños.
Mato tamén incide en que “Ponteceso conta cun punto limpo no que depositar residuos que non poden verterse nos colectores”. Lamenta que “periodicamente atopemos, ao carón das nosas estradas, material tirado. Isto o único que fai é estragar o noso concello e, en definitiva, a nosa casa; por iso non quero deixar pasar cada ocasión que teño para mandar unha mensaxe de civismo, pois é unha tarefa que nos atinxe a todos e todas”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.