Sunday 11 de May de 2025

Alternativa reclama á Xunta a creación en Bergondo dunha das residencias anunciadas por Alfonso Rueda


O Concello de Bergondo precisa de prazas en residencias para os nosos maiores e o anuncio do presidente Rueda supón unha esperanza e unha oportunidade que pretendemos aproveitar.

A finais do pasado mes de abril o presidente da Xunta de Galicia, D. Alfonso Rueda, anunciaba en sede parlamentaria a futura creación, ao longo desta lexislatura, de 24 novas residencias para maiores en municipios de poboación inferior aos 50.000 habitantes. Dende Alternativa dos Veciños de Bergondo entendemos que se abre unha importante oportunidade para o noso municipio neste sentido. De aí que proporemos ao pleno da corporación municipal, que terá lugar o vindeiro 29 de maio, trasladar á Xunta a solicitude para que o goberno autonómico estude a creación dunha desas 24 residencias en Bergondo.

Por outra parte -e sen que isto supoña non estudar outras posibles alternativas- dende o noso grupo suxerimos a posibilidade de que tal residencia se puidese localizar nunha parcela e edificio que xa son propiedade da Xunta de Galicia. Estámonos a referir á ruina do antigo Ligal, en Bos (Guísamo). Podería ser unha magnífica ubicación para establecer unha instalación destas características, toda vez que, ademais, e segundo se informa dende a propia Xunta de Galicia, serán prioorizados aqueles lugares que sexan limítrofes entre concellos (no caso do Ligal existe unha proximidade apreciable cos concellos veciños de Sada e Cambre.

Deja un comentario