Sunday 11 de May de 2025

O Concello aproba o estudo de detalle para cubrir unha das pistas exteriores do IES Salvador de Madariaga e facilita así o seu uso ao longo de todo ano


Este xoves tivo lugar o Pleno ordinario de maio, no que tamén se lle deu luz verde á modificación dos estatutos do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. Os anteriores databan de finais dos anos oitenta

O Concello aprobou definitivamente e por unanimidade o estudo de detalle presentado co obxectivo de cubrir un dos patios exteriores do IES Salvador de Madariaga, na contorna da Cidade Escolar.
Tal e como apuntou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, a aprobación desta medida “permitirá unha mellora dos usos no centro educativo, que posibilitará o uso das zonas exteriores cubertas durante todo o ano, o que terá un impacto positivo tanto para o IES como para a rapazada que alí estuda”.

Ao darlle luz verde a esta proposta, o Concello colabora para promover a mellora das infraestruturas nos centros educativos da Coruña, unha cuestión na que as competencias son da Xunta, mais na que tamén o Goberno municipal está a amosar o seu compromiso coa comunidade educativa da cidade, colaborando, por exemplo, co financiamento de melloras nas súas instalacións.

No Pleno, Díaz Gallego tamén animou a Xunta de Galicia a intervir para suprimir as barreiras arquitectónicas e os muros existentes entre o Conservatorio, a Escola de Idiomas e os centros educativos da Cidade Escolar, e permitir así a creación dun gran parque cos seus equipamentos. O concelleiro expuxo que as actuacións previstas no IES Salvador de Madariaga —parcela que é titularidade da Xunta— tamén poderían aproveitarse para “cumprir unha demanda veciñal moi intensa desde hai anos”.

As melloras nos centros educativos da Coruña continúan en Elviña e Monte Alto

Esta mesma semana, a alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, visitaron as instalacións do CEIP Ramón de la Sagra, no barrio de Elviña, onde xa concluíron as melloras previstas, coa renaturalización e remodelación do seu patio exterior.
Ademais, actualmente tamén se está a actuar na pista deportiva do CEIP Víctor López Seoane, en Monte Alto, e nos accesos ao CEIP María Pita, entre o Barrio das Flores e Elviña.

Aprobouse a modificación dos estatutos do Instituto José Cornide

Esta mañá, o Pleno deulle luz verde á modificación dos estatutos do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, un organismo creado no ano 1964 que promove e impulsa estudos e investigacións de carácter histórico, socioeconómico, literario e artístico que prestan atención á realidade social, cultural e científica da cidade, da súa área de influencia e, en xeral, de Galicia.

O réxime normativo vixente ata a actualidade remontábase a finais da década dos oitenta. Agora, atendendo á necesidade de adecuar a estrutura do Instituto e tamén o seu funcionamento aos tempos de hoxe, derróganse os estatutos anteriores, que se actualizan con variacións, por exemplo, na composición organizativa da súa Xunta de Goberno, que agora encabezará a persoa que represente a presidencia do Instituto.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, precisou que, coa actualización dos estatutos, “reforzamos a consideración do Instituto como un órgano especial de Administración, tamén o carácter autónomo do Instituto, que conta con orzamento municipal propio, con persoal adscrito e cunha ampla marxe de autonomía con respecto ás súas actividades culturais, científicas e investigadoras”.
Ademais, agregou Castro, o novo texto regulador do Instituto “tamén recolle, a futuro, o establecemento do mantemento de relacións con universidades, institucións e organismos científicos de toda índole”.

Luz verde aos novos usos previstos na superficie comercial Espacio Coruña

Outro dos asuntos levados á parte resolutiva do Pleno foi a aprobación definitiva da modificación puntual da ordenanza de usos comerciais na superficie que actualmente ocupa Espacio Coruña.
Esta medida, que fora solicitada particularmente polo equipo de representación do centro comercial co obxectivo de facilitar novos usos na instalación, xa foi aprobada pola Xunta de Goberno Local a inicios deste ano, mais como pasa con todas as ordenanzas municipais, é imprescindible a súa ratificación no Pleno municipal, que así o rubricou hoxe por unanimidade, polo que abriu camiño así a unha nova etapa de dinamización deste centro comercial do barrio de Someso, facilitando así a instalación de novos usos dotacionais.

Desta forma, Espacio Coruña poderá adaptar os espazos dispoñibles ás demandas actuais e tamén as que ten previstas a futuro e fará a superficie comercial máis funcional á hora de acoller oficinas, almacéns e salas de reunións, entre outros equipamentos.

Deja un comentario