Sunday 11 de May de 2025

Laxe convértese no epicentro da seguridade marítima co exercicio  MARSEC-25 


Un espectacular simulacro mobiliza Armada, Gardacostas,  SEGEPESCA e outras entidades no porto de Laxe para  actuar ante pesca ilegal, vertido de combustible e evacuación  de ferido grave 

O Concello de Laxe será escenario este sábado  10 de maio, entre as 09:45 e as 13:30 horas, dun completo exercicio de  emerxencia marítima dentro do marco do MARSEC-25, impulsado pola  Armada e a Secretaría Xeral de Pesca (SEGEPESCA), coa colaboración da  Xunta de Galicia, Portos de Galicia, a Real Liga Naval Española e outras  institucións. 

Baixo o nome de Escenario VI: Actuación ante obstrución a unha  inspección pesqueira, simularase a detección de pesca ilegal por parte dun  

pesqueiro, a súa negativa á inspección, un sabotaxe que provoca un vertido de  combustible e a caída dun tripulante, que resulta ferido de gravidade e é evacuado ao  centro de saúde de Laxe. O operativo contempla actuacións de inspección, contención de  contaminación, atención sanitaria e coordinación interinstitucional a gran escala. 

Durante o exercicio participarán, entre outros: 

  • O patrulleiro da Armada “Arnomendi”, con buceadores e equipo sanitario. Os medios da Xunta, como o remolcador Sebastián de Ocampo e o patrulleiro  Punta Festiñanzo
  • O pesqueiro “Novo Narval”, a embarcación recreativa “Goi”, a Policía Local,  Protección Civil e o Centro de Saúde de Laxe. 
  • O porto de Laxe, que acollerá as actuacións e servirá de punto neurálxico da  operación. 

Como actividades paralelas, o venres 9 de maio, de 18:00 a 21:00 h, a cidadanía poderá  visitar os buques participantes durante a xornada de portas abertas, e desfrutar dun  arriado solemne da bandeira ao ocaso a bordo do “Arnomendi”. Ademais, haberá  degustacións de produtos do mar grazas ao “foodtruck” de Galicia sabe amar

Con este exercicio, Laxe reitera o seu compromiso coa seguridade, a protección ambiental  e a colaboración institucional para garantir un mar sostible e seguro para todas e todos.

Deja un comentario