Sunday 11 de May de 2025

As Escolas municipais de teatro infantil e xuvenil de Neda competirán no XXVI Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña


O mércores da vindeira semana farán unha preestrea das obras na Casa da Cultura

Os grupos infantil e xuvenil da Escola municipal de teatro participarán a vindeira semana no XXVI Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña, que organiza o IES Rosalía Mera. O mércores 14, xusto un día antes da súa actuación no concurso provincial, os dous cadros actorais preestrearán cadansúa obra na Casa da Cultura de Neda.

Os grupos nedenses, dirixidos por Marián Rei, participarán por segundo ano no certame, destinado a pór en valor o traballo escénico que realizan as compañías escolares e afeccionadas, recoñecendo o talento das novas xeracións de actores e actrices. Desta volta, compiten 49 obras, estando programadas a actuacións dos locais para o xoves da vindeira semana no citado instituto coruñés.

Con todo, e a modo de preparación, o mércores 14 de maio haberá un ensaio xeral, aberto á veciñanza. A partir das 18 horas o público nedense poderá desfrutar coa comedia “A foto famosa”. A peza, recomendada para maiores de sete anos, estará interpretada por Martina Chao, Sofía García, Ainhoa Morado, Sofía Rego, Noelia Sanmartín e Alicia Lucía Tojeiro, é dicir, as actrices máis pequenas da escola.

O grupo máis veterano collerá a testemuña ao redor das 19.30 horas. Será o momento da preestrea de “As nenas araña”, cun elenco formado por Sara Carneiro, Bernabel Menéndez e máis Erika Seoae. O espectáculo está dirixido a maiores de doce anos.
No XXVI Certame de Teatro Escolar e Afeccionado premiaranse ás mellores obras, as actuacións máis destacadas, á mellor interpretación de reparto e a dirección artística. O xurado estará formado por persoas con formación e experiencia nas áreas no mundo da cultura, a interpretación, a dirección e as artes escénicas.

Deja un comentario