Friday 09 de May de 2025

O Concello vén de aprobar o Plan de Mobilidade Sostible para avanzar cara un municipio máis accesible, inclusivo e respectuoso co medio ambiente


Durante o procedemento de redacción contouse coa participación activa da veciñanza.

O Concello vén de aprobar o Plan de Mobilidade Sostible (PMUS), documento de planificación estratéxica que supón unha nova perspectiva da maneira na que se concibe e emprega o espazo público no termo municipal da Laracha. O seu obxectivo é avanzar cara o equilibrio real entre as necesidades de mobilidade da poboación coa accesibilidade, a inclusividade, o fortalecemento do tecido comercial local e a eficiencia no eido medioambiental como fíos condutores.

O PMUS de A Laracha non só responde aos retos actuais en materia de transporte e desprazamentos urbanos, senón que é a folla de ruta integral para a transformación progresiva do modelo actual, altamente dependente do vehículo privado e con carencias en materia de transporte público, cara outro máis sustentable que mellore a calidade de vida da veciñanza e que, particularmente, favoreza o desprazamento seguro da infancia e das persoas maiores.

Durante o procedemento de redacción do plan contouse coa participación activa da veciñanza, tanto mediante enquisas á poboación xeral como con obradoiros nos colexios. Entre as medidas concretas propostas destacan a mellora dos entornos dos centros de ensino, o impulso do transporte público, o avance nas infraestruturas ciclistas e a xerarquización do tráfico rodado nos núcleos urbanos de A Laracha, Paiosaco e Caion, suxerindo en paralelo propostas de mellora da conexión entre as parroquias e a humanización de rúas, vías e prazas que implicaría o aumento das zonas peonís para avanzar cara un concello máis dinámico, saudable e accesible.

Ademais de tratarse dunha ferramenta chave para a reorganización da mobilidade, dispoñer do PMUS tamén é un requisito esencial para que o Concello poida optar a fondos europeos destinados á promoción da sustentabilidade e á modernización urbana, polo que abrirá a porta a novas oportunidades de financiamento para proxectos municipais transformadores nese sentido que se leven a cabo a curto, medio e longo prazo.

Coa aprobación do PMUS o Concello reafirma o seu compromiso cun modelo urbanístico máis eficiente en liña das directrices europeas e dos obxectivos do desenvolvemento sustentable. O documento está dispoñible para a súa consulta na web municipal.

Deja un comentario