
Este sábado 10 de maio Expocoruña acollerá mesas redondas, conferencias de expertos, exhibicións de terapia asistida e outras actividades relacionadas cos cans
O Concello da Coruña organiza este sábado a II Xornada Urbandog, que se celebrará en Expocoruña a partir das 10.45 horas. Trátase dunha iniciativa encamiñada a fomentar o benestar animal e ofrecerlle á cidadanía información útil sobre o coidado das mascotas e a normativa vixente, dentro da aposta municipal por unha cidade máis amable e concienciada coa convivencia responsable.
“Na cidade hai xa 32.000 cans e o número de persoas e familias que comparten a súa vida cunha mascota está a medrar de forma exponencial. O obxectivo desta xornada é achegar coñecemento á cidadanía, poñer en valor o traballo que se fai desde o Concello, con instrumentos como a Patrulla Verde e o labor das técnicas e técnicos municipais”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira. “Tamén é unha oportunidade para coñecer iniciativas de carácter social e terapéutico nas que participan cans e que desenvolven entidades privadas que colaboran co Concello”, engade.
A xornada inaugurarase oficialmente ás 10.45 horas no recinto Ágora de Expocoruña. A primeira actividade será unha mesa redonda centrada na normativa sobre Benestar Animal, a cargo de persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, así como integrantes da Patrulla Verde da Policía Local.
A continuación, Carlos Alfonso López, fundador de EDUCAN, impartirá unha conferencia sobre adopción de cans. Posteriormente terá lugar unha exhibición de Agility co Club Agility A Coruña na pista central do recinto.
A sesión matinal pecharase cunha mesa redonda sobre o papel dos cans na sociedade, coa participación de entidades como CanCoruña, Somos Pet Friendly, o Club Canino Layamajo e o
Nota de Prensa
programa Pares, desenvolto pola Fundación María José Jove en colaboración co Concello. O programa rematará cunha exhibición de terapia asistida a cargo de Montegatto e a propia fundación.
Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, haberá tres conferencias adicionais: unha sobre o impacto do vínculo humano-animal, a cargo de Sonia Sáez Cardoner (Purina), outra sobre mascotas e familias, a cargo de Carlos Alfonso López, e unha terceira sobre deportes caninos, impartida por José Luis Lorenzo Couce. A xornada clausurarase cunha exhibición de IGP, disciplina que avalía habilidades como rastrexo, obediencia e protección.
A programación completa pode consultarse na páxina web do Concello da Coruña. Esta actividade inscríbese na liña de actuación do Goberno de Inés Rey, que vén reforzando nos últimos anos políticas de sensibilización, respecto e coidado animal como parte dun modelo de cidade sostible e comprometida coa convivencia cidadá creando, entre outras cousas, áreas caninas e mesmo habilitando un areal para poder acudir coas mascotas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.