Friday 09 de May de 2025

O Concello de Lousame e a AAVV Zernadas de Castro organizan unha programación especial para seguir reivindicando que se dedique un Día das Letras Galegas ao Cura de Fruíme


A programación arrinca este domingo 11 de maio, ás 11:00 horas, coa Andaina das Letras, na que xa hai máis de cincuenta persoas inscritas

O Concello de Lousame e a asociación de veciños Zernadas de Castro de Fruíme veñen de presentar a programación especial co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, que arrincará este domingo 11 de maio coa primeira edición da “Andaina das Letras” e culminará o propio sábado 17 de maio coa primeira Romaría das Letras, que incluirá música, contacontos, obradoiros e ofrenda floral ao Cura de Fruíme. Unha programación organizada polo Concello de Lousame, en colaboración coa AAVV Zernadas de Castro de Fruíme, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Deputación da Coruña.

Unha programación presentada esta mañá no adro da Igrexa de Fruíme, centro de todas as actividades, pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e a tesoureira da AAVV Zernadas de Castro de Fruíme, María Regenjo, quen falou en nome da presidenta da entidade, Hermitas Lorenzo, presente pero sen voz debido a un proceso gripal. As tres estiveron acompañadas polos técnicos municipais de Cultura, Eduardo Agraso e Teresa Baluja; e Deportes, Germán Romero.

Romaría das Letras

Silvia Agrafojo explica que “este ano, como gran novidade, imos facer unha gran Romaría durante todo o día, ata ben entrada a noitiña, grazas á colaboración da asociación de veciños de Fruíme. Ademais, como o Día das Letras Galegas está dedicado á poesía popular oral polo que imos contar tamén coas nosas cantareiras para desfrutar da súa música”. Así mesmo, Agrafojo reiterou que toda esta programación “ten como obxectivo poñer en valor a figura de Zernadas de Castro, o precursor do galeguismo e para quen seguiremos solicitando a dedicatoria dun Día das Letras Galegas”.

Pola súa banda, María Regenjo destaca que “estamos moi orgullosas de ter podido ampliar todas as actividades a máis dun día, coa andaina e a exposición da obra de Zernadas o día 11, e o propio 17 con todas as actividades previstas. E dende a asociación acordamos tamén facer un xantar para as persoas socias, que xa está completo a día de hoxe, polo que estamos moi contentas de ver que a xente de Fruíme participa con gañas en todas estas actividades e animar a todo o mundo a descubrir a vida e obra de Zernadas de Castro a través de todo o que se vai facer no adro da Igrexa de Fruíme, ademais de desfrutar da música das cantareiras da Uned Senior”.

Programación especial

O programa arrincará este domingo 11 de maio, ás 11:00 horas, coa primeira edición da “Andaina das Letras”. Trátase dunha andaina/exposición coa que se pretende homenaxear e poñer en valor a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro. Germán Romero explicou que se trata dunha andaina familiar, de apenas 5 quilómetros e que está aberta a persoas de todo tipo de condición física.

Durante eses 5 quilómetros, con saída e meta no Adro da Igrexa de Fruíme, as persoas participantes poderán ver unha lámina sobre a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro cada cincocentos metros. A participación é totalmente gratuíta, se ben é necesario anotarse previamente en www.bandoticket.com. A día de hoxe xa se superaron as cincuenta inscricións, polo que se agarda contar cun cento de persoas o propio domingo.

O sábado 17 de maio, a programación de actividades arrincará ás 11:00 horas cunha exposición sobre a vida e obra de Zernadas de Castro. Ás 12:30 horas terá lugar a tradicional ofrenda floral diante do busto do cura de Fruíme, seguido dun concerto da Banda de Música de Lousame. Ás 13:30 horas, homenaxe ás cantareiras locais cunha actuación especial das Pandereteiras da Uned Senior e da Asociación Cultural O Son do Pote.

Pola tarde, a partir das 16:00 horas, o adro da igrexa de Fruíme acollerá unha serie de obradoiros culturais, que ás 18:00 horas darán paso a un contacontos da man de Raquel Queizás. O programa rematará con música, coa actuación de Xoán Curiel e o seu espectáculo “Treides Comigo – Alén”, a partir das 19:00 horas.

Deja un comentario