
A delegada da Xunta visitou o municipio para supervisar a actuación realizada dentro da orde de axudas destinada a investimentos para a conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural localizado na Rede Natura 2000 de Galicia.
A representante do Goberno lembrou que, o ano pasado, recibiron estas achegas 5 concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte (Malpica, Carballo, Corcubión, A Laracha e Cabana de Bergantiños) por un importe de máis de 105.000 euros
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga e pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambo Climático, Pilar Arias, visitaron o concello de Malpica para supervisar a actuación realizada ao abeiro da orde de axudas destinada a investimentos para a conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural localizado na Rede Natura 2000 de Galicia.
Concretamente, o concello de Malpica, que ten unha superficie do 22,09% de Rede Natura no seu municipio, recibiu unha achega de 30.000 euros para reparar as escaleiras que dan acceso á praia de Seaia. A actuación consistiu na retirada de todas as varandas de madeira existentes para a posterior colocación de novas varandas de madeira seguindo trazado e un deseño similar. Ademais, construíuse unha nova escalinata similar á actual na formulación, pero executada con bordos graníticos.
Belén do Campo puxo en valor que o ano pasado recibiron estas achegas 5 concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte (Malpica, Carballo, Corcubión, A Laracha e Cabana de Bergantiños) por un importe de máis de 105.000 euros e na provincia da Coruña 13 concellos por un importe de máis de 253.000 euros.
A representante do Goberno autonómico explicou que “esta orde de axudas busca potenciar e preservar os elementos, actividades e paisaxes que caracterizan a Rede Natura, a maior rede de espazos protexidos do mundo, que atesoura un altísimo patrimonio ecolóxico, social e económico.
Cun orzamento global de 2,8 millóns de euros, Belén do Campo explicou que esta convocatoria bianual de axudas está dirixida a concellos incluídos total ou parcialmente na Rede Natura de Galicia, así como a persoas físicas, asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común que queiran impulsar proxectos para, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas.
Ademais, tamén apoia que se leven a cabo actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria en Rede Natura, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas. En Galicia arredor de 375.000 hectáreas están amparadas baixo esta figura, o 12% do territorio.
Protección espazos naturais
A representante do Goberno autonómico tamén lembrou son varias as axudas que xestiona a Xunta para poñer en valor os espazos naturais galegos. Así, só en 2024 convocáronse tres liñas de subvencións bianuais por un importe global de 6,5 millóns de euros dirixidas a preservar espazos amparados baixo distintas figuras de protección: axudas para parques naturais (1,63 millóns de euros) e as xa mencionadas para Rede Natura (2,8 millóns de euros), para reservas de biosfera (1,8 millóns de euros) e a orde de axudas para a área de influencia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas con 148.000 para o ano 2024 e máis de 140.000 para o ano 2025.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.