
A rehabilitación integral do antigo edificio permitirá a súa remodelación para acoller, ademais do centro de saúde, un novo centro cívico municipal e un mercado de abastos na Falperra
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio interadministrativo de Coruña Marítima, un paso fundamental para deseñar o plan de transformación dos peiraos interiores
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe da aprobación do proxecto definitivo de construción do centro de saúde de Santa Lucía, unha demanda histórica do barrio da Falperra que xa está un paso máis preto de cumprirse.
Foi un dos asuntos máis destacados da orde do día na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que lle deu luz verde á rehabilitación do antigo mercado “para dotar o distrito dun equipamento tan agardado como necesario”, como expuxo a rexedora, que lembrou que, tal e como se informou no seu momento, cando se adxudicou o deseño e dirección de obra ao estudio Burgos & Garrido, Santa Lucía contará tamén cun novo centro cívico e tamén cun mercado de abastos, “aproveitando a remodelación do edificio para darlle usos múltiples que entendemos fundamentais para a veciñanza”.
No referente á distribución do edificio, o mercado de abastos estará no soto. Xa entre o primeiro e o segundo andar do edificio, estarán as instalacións do centro de saúde, que ocupará algo máis da metade do novo edificio en termos de superficies de uso, un 54%. O centro de saúde de Santa Lucía acollerá diversos espazos destinados á área médica —cunha sala de toma de mostras, outra polivalente, unha consulta de urxencias e outras de medicina e enfermaría xeral—, área pediátrica —con consultas de pediatría—, área da muller —con consultas de matrona, aseos e cambiadores—, así como estancias habilitadas para acoller as áreas de administración, arquivo, persoal e usos comúns.
Os espazos reservados para o Centro Cívico de Santa Lucía situaranse nas alturas superiores do inmoble e abranguen unha nova sala polivalente, un auditorio, unha sala de reunións, un espazo para a xestión de libros, almacéns e aseos.
Na rolda de prensa desta mañá, Inés Rey agradeceu “a paciencia da cidadanía con esta cuestión porque somos conscientes de que esta demanda se enquistou no tempo desde hai máis dunha década.
Proximamente, Santa Lucía será unha realidade e iso é froito da vontade de ambas as partes, tanto do Concello como da Xunta, de sentarnos á mesa para lle darmos resposta ás necesidades das coruñesas e dos coruñeses e atoparmos solucións afastándonos do ruído.
A sinatura do convenio, clave para determinar os compromisos de cada parte
A mediados de marzo, o Concello remitiu ao Sergas a proposta de convenio de colaboración que estipula os compromisos asumidos por cada unha das partes con vistas á construción do novo Santa Lucía, que remarca tanto os prazos como as achegas en termos de financiamento, xa que o investimento total será de 10,3 millóns.
“Hai uns días o Sergas remitiunos os últimos detalles que cómpre ter en conta co proxecto, detalles que non supoñen variación no convenio proposto. Agora agardamos que a Xunta sexa áxil e asine o convenio o antes posible para que poidamos licitar esta actuación, que suporá un revulsivo para o barrio non só polo edificio e os novos servizos, senón tamén pola recuperación urbana da contorna”, precisou a alcaldesa, que subliñou que, para construír o centro de saúde, o Concello captou 3 millóns de euros en fondos europeos PIREP.
O convenio remitido á Xunta estipula, entre outros aspectos, que o Concello asume o compromiso de executar as obras e, unha vez que rematen, cederlle por 30 anos á Xunta a parte do edificio que acollerá o centro de saúde. Esta cláusula será prorrogable por outros 30 anos. Ademais, está previsto regular na ordenanza fiscal unha exención do IBI para o centro de saúde.
Pola súa banda, e atendendo ao texto do convenio, a Xunta asumiría os custos correspondentes á execución da obra do centro de saúde e, ademais, faríase cargo dos gastos de mantemento. Tamén aboarán os premios correspondentes ao concurso de proxectos.
“Entendemos que a sinatura deste convenio por parte da Xunta será case un formalismo, xa que a finais do mes pasado recibimos o informe técnico favorable da Consellería de Sanidade. Desta forma, resolvendo este trámite, avanzaremos xa cara á licitación das obras, paso previo á súa adxudicación e posta en marcha para que vexamos o centro de saúde de Santa Lucía, así como o centro cívico e o mercado de abastos, traducidos en feitos”, concretou Rey.
Aprobouse o convenio interadministrativo de Coruña Marítima
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou este mércores o convenio interadministrativo que establece as partidas económicas coas que o Concello, Puertos del Estado, a Autoridade Portuaria, o ADIF e a Xunta abren camiño á licitación do máster-plan que axudará a deseñar o plan de transformación dos espazos do porto interior da Coruña.
Inés Rey apuntou que este “é un paso fundamental para cumprir os compromisos establecidos pola Comisión Coruña Marítima e, desta forma, avanzar na recuperación da fachada portuaria da nosa cidade”. O orzamento deste convenio a cinco é de 3,3 millóns, dos que o Concello achegará máis de medio millón de euros entre o vindeiro ano e o 2027.
Neste sentido, en abril remataron os obradoiros temáticos de Coruña Marítima que, coa colaboración da cidadanía, están a axudar a definir o proxecto de recuperación dos peiraos interiores, ao abeiro do traslado da meirande parte da actividade portuaria a Punta Lagosteira, poderá abrirse ao mar nos antigos peiraos. Os talleres complementáronse coa apertura dunha caixa dixital de suxestións, para facilitar a recollida de achegas das coruñesas e coruñeses.
Este venres 9, no foro final de Coruña Marítima, presentaranse as conclusións deste proceso participativo. Será ás 9.30 h da mañá no Espazo Avenida do Cantón Grande, con acceso libre ata completar a capacidade prevista.
Aposta polo fomento da inserción laboral nos barrios con máis desemprego
Tamén este mércores, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á licitación do contrato que permitirá impartir as formacións presenciais previstas ao abeiro do proxecto Éfeso Coruña ata finais do ano 2026.
A posta en marcha de Éfeso chega despois de que o Concello captase financiación do Fondo Social Europeo Plus co obxectivo de mellorar a inserción sociolaboral na cidade e daralle continuidade á estratexia que xa se seguiu no seu momento co programa Coruña Suma.
“Con Éfeso non só reforzaremos esta liña de traballo, senón que lle daremos un pulo extra ao fomento da inserción laboral de persoas desempregadas tanto da cidade Coruña como da súa área e faremos fincapé en distritos onde, tal e como reflicten os informes municipais, hai máis taxa de desemprego. Por exemplo, a Sagrada Familia, Os Mallos, Os Rosales ou Labañou, entre outros barrios”, explicou a alcaldesa.
O obxectivo é que, por medio dos itinerarios formativos de Éfeso, se poidan reducir as fendas socioeconómicas existentes na cidade, mellorar a súa cohesión social, reducir as desigualdades “e abrir un novo horizonte de oportunidades formativas a persoas e colectivos que as necesitan”.
O contrato que sae a concurso inclúe dez lotes formativos valorados en máis de 750.000 euros. Os módulos están orientados á formación no eido sociosanitario, actividades auxiliares en materia comercial e tamén na hostalería, así como no sector da Administración xeral.
Saen a concurso os postos da planta baixa do mercado de San Agustín
Por outro lado, este mércores aprobouse a saída a concurso dos postos da planta baixa do interior do mercado de San Agustín que ou ben están baleiros ou en réxime de ocupación temporal.
O Concello licita 23 lotes a 15 anos, coa posibilidade de prorrogalos por ata dez anos máis. O obxectivo é dobre: por unha banda, facilitarlle espazos ao pequeno comercio para a venda de produtos frescos e de proximidade e, por outra, incentivar a explotación e uso das instalacións no interior do mercado, que nos seus postos exteriores xa está ao 100% da súa capacidade, coa meirande parte dos postos abertos e con outros dous a piques de facelo.
As ofertas para optar a estes 23 postos da planta baixa no interior do mercado poderán presentarse nos vindeiros días por vía electrónica, unha vez que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Como xa é habitual, o Concello informará ao respecto nas canles oficiais da apertura do prazo, que será de 30 días hábiles.
A aposta pola rehabilitación de inmobles continúa na Pescaría-Orzán
Este mércores, na Xunta de Goberno Local, tamén se fixo balance do informe dos permisos urbanísticos tramitados na última quincena de abril, período no que se resolveron 55 licenzas e se autorizaron 111 obras en réxime de comunicado.
Como expediente particular destaca a licenza concedida para acometer a rehabilitación do número 126 da rúa Orzán, un inmoble tapiado en ruínas que actualmente supón un foco de insalubridade no barrio. “Agora poderá ser recuperado para usos residenciais e aumentar a oferta de vivenda dispoñible na cidade, que é necesaria”, apuntou a alcaldesa en rolda de prensa.
Rey lembrou que a autorización para rehabilitar este edificio chega despois de que o proxecto, que cumpre coa normativa vixente, fose validado pola comisión do PEPRI, que atendeu especialmente á historia que garda tras de si o inmoble, onde naceu o músico coruñés Andrés Gaos Berea no ano 1874.
Ademais, tamén se deu a autorización pertinente para reparar as eivas existentes na central telefónica do Montiño, no barrio do Castrillón. A estrutura, situada entre as rúas Antonio Ríos e Cerca, acolle, por exemplo, as instalacións do Museo Didáctico das Telecomunicacións.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.