Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame destinará 152.000 euros do PAI 2016 a mellora de estradas e 25.000 euros a amortizar débeda


Ante a abstención da oposición, que pediu actuacións en saneamento, Teresa Villaverde anunciou un próximo convenio de colaboración coa Xunta para o saneamento en Servia e Seixido

O Concello de Lousame destinará un total de 151.735 euros do Plan de Aforro e Investimento 2016 á realización de tres proxectos de mellora de estradas no municipio e outros 25.685 euros a amortización de débeda. Así se acordou no pleno extraordinario celebrado esta mañá na que a proposta da Alcaldía saíu adiante cos 6 votos a favor do Partido Popular e as 4 abstencións de PSOE e BNG.

O PAI 2016 destina a Lousame 177.421,55 euros, dos que “imos destinar 25.685,74 euros a mortizar débeda, o dobre do que establecen como mínimo as normas da Deputación”, explicou a alcaldesa, Teresa Villaverde, quen indicou que “o destinaremos a amortizar parte do crédito que temos co BBVA, que é o que ten os tipos de interese máis altos”. Villaverde explicou que o nivel de endebedamento de Lousame a 31 de decembro de 2015 é do 6,68%, o que supón unha débeda a longo prazo de 140.385 euros. “Neste trimestre reduciríamos esa débeda a menos de 120.000 euros”, puntualizou a alcaldesa.

Investimento en obras

O resto do PAI 2016, que ascende a 151.735 euros, investirase en dous proxectos de melloras de estradas. O primeior é o arranxo do camiño entre Seoane e Cerquides, concretamente entre a igrexa ata a estrada Noia-Padrón. “Trátase dun tramo de 2.570 metros que polas raíces das árbores está moi deteriorada, con moitos altos e baixos”, explicou Teresa Villaverde. O proxecto de mellora en rego asfáltico, que inclúe a apertura das gabias, está orzamentado en 78.557,53 euros.

O segundo proxecto suporá un investimento de 73.158 euros en dúas actuacións: a mellora do camiño entre Silvarredonda e Froxán (con apertura de gabias, tratamento semiprofundo e selado) e os accesos a Fontefría, no límite con Rois. Neste punto, a alcaldesa explicou que xa se realizaron varias actuacións nesta zona e que agora vaise actuar dende a ponte ata a estrada Santiago-Noia. Neste caso, a actuación realizarase con zahorra e cun selado con area.

Saneamento

Os dous grupos da oposición coincidiron á hora de xustificar a súa abstención: a ausencia de proxectos de saneamento no PAI 2016. Así, o voceiro do PSOE, Julio Paradela, indicou que “botamos en falta inversións en saneamento” e preguntou “por que non se destina máis orzamento a liquidar o préstamo co BBVA que é o máis gravoso”. Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Amador Turnes, lamentou que “hai puntos do saneamento do concello aos que non se lles está tocando”.

A alcaldesa de Lousame lembrou que “está pendente de poñerse en marcha a depuradora de Tállara, que supuxo un investimento de 600.000 euros, e só en material destinamos máis de 35.000 euros o ano pasado para o mantemento de depuradoras coa nosa cuadrilla municipal. Estamos actuando nas depuradoras e en breve o faremos en Abeixón”. Así mesmo, aproveitou para apuntar que “para saneamento nesta anualidade presentamos dous proxectos na Xunta, Servia e Seixido, e espero que en breve poidamos asinar o convenio coa Consellería de Medio Ambiente”.

Finalmente, Villaverde lembrou que Lousame xa destina 25.685,74 euros a amortizar débeda, máis do dobre do mínimo indicado polo PAI 2016, que é de 11.871,76 euros. Porén, indicou que “temos vías de carácter municipal, tanto asfaltadas como en terra, e cun inverno tan rigoroso temos que investir en mellorar o seu estado. Xa fixemos varios bacheos pero aínda quedan algunhas actuacións máis por facer”.