Monday 12 de May de 2025

Galicia terá este ano 108 praias con bandeira azul e consolídase como a terceira comunidade autónoma con máis galardóns


— A Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) tamén recoñece un total de 12 portos deportivos galegos, 1 deles de nova incorporación, e 17 centros de interpretación e aulas da natureza, dos cales 2 reciben a insignia por primeira vez

— O municipio pontevedrés de Sanxenxo volve liderar un ano máis a clasificación nacional de praias galardoadas, cun total de 17, seguido de Vigo, con 12 areais

— Ángeles Vázquez salienta a boa posición de Galicia un ano máis, que reflicte a súa aposta polo coidado ambiental e por dar a coñecer os recursos naturais do litoral

— A comunidade lucirá en 2025 un total de 191 distintivos, 2 máis que o ano pasado, que recoñecerán a calidade das súas praias, áreas portuarias, instalacións para a atención de visitantes e sendas, só por detrás de Valencia (213) e Andalucía (196)

Galicia terá este ano un total de 108 praias en 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada seis bandeiras concedidas en España (642) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 143) e Andalucía (138).
Dos 108 areais galegos galardoados na presente edición, cómpre subliñar que O Mende, en Vigo, recibe este distintivo por primeira vez. Ademais, outros dous—Grande, en Miño, e San Francisco, en Muros— recuperan este ano a bandeira que non luciron en 2024.
Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 101 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 12 están en Galicia, unha máis que na pasada edición, xa que entra na listaxe o Liceo Marítimo de Bouzas (Vigo), un porto que, ademais, se estrea entre os galardoados.
De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza e de mar, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental en municipios relacionados co programa Bandeira Azul. Dos 92 centros azuis que haberá este ano en todo o país, 17 están en Galicia, que é a segunda comunidade con máis distincións neste eido, só por detrás de Valencia (con 23).
Neste apartado, destaca a incorporación do Museo-Centro de interpretación Mar do Sorrizo, en Arteixo, e do visor submarino Nautilus, localizado nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo, xa que se estrean en ambos casos como centros azuis.
Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.
Tras darse a coñecer hoxe a relación de praias, portos e centros galardoados, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou a boa posición que ocupa Galicia un ano máis, resultado da súa aposta polo coidado dos recursos naturais do litoral, que a converten “nun lugar único” para visitar.
Datos a nivel provincial
Por provincias, Pontevedra concentra un ano máis o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 53 que recaen noutras tantas praias e 7 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 39 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo.
Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que en 2024. O concello pontevedrés recibe, ademais, 3 distincións para outros tantos portos e terá tamén 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, a cidade galega que recibe máis bandeiras para as súas praias (12) e o segundo municipio de España nesta clasificación, ademais de ter tamén 1 porto e 1 centro recoñecidos; e o de Baiona, con 5 praias, 1 área portuaria e 1 centro azul.
Así mesmo, na provincia da Coruña, Arteixo volve concentrar o maior número de bandeiras, con 6 praias e 1 centro azul; seguido da Coruña —5 areais e 1 porto—, Oleiros —5 praias distinguidas ademais de 2 centros azuis— e Ferrol —con 5 bandeiras azuis—. Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, 5 en total; seguido de Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira e o único porto distinguido nesta provincia; e Barreiros e O Vicedo, con 2 areais cada un.
Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que, por cuarto ano consecutivo, Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de Bandeira Azul co que se busca poñer en valor o papel das sendas como un recurso valioso para gozar da natureza e aprender a interpretar a contorna. Galicia concentra 54 dos 154 itinerarios galardoados este ano en todo o país —cinco máis que os que tiña en 2024— e segue sendo a comunidade con máis sendeiros azuis.
En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos por Adeac, Galicia atesoura 191 galardóns, balance que a sitúa como a terceira comunidade que concentra máis recoñecementos, por detrás de Valencia (213) e Andalucía (196).
A continuación detállanse os galardóns concedidos en 2025 en Galicia no marco do programa Bandeira Azul, diferenciando entre praias, portos e centros azuis e resaltando cun * aqueles que o reciben por primeira vez.

Deja un comentario