Sunday 11 de May de 2025

O Concello comeza a celebrar o Día das Letras Galegas cun espectáculo de música e poesía a cargo de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos


O vindeiro 13 de maio ás 20:00 horas no teatro As Torres de santa Cruz terá lugar un espectáculo de poesía e música a cargo da poeta Yolanda Castaño acompañada polo músico Isaac Garabatos. Un idioma de música e tinta é un paso guiado e musicado pola poesía de Yolanda Castaño.

Co gallo da celebración do día das Letras Galegas e o 40 aniversario das bibliotecas públicas municipais do Concello de Oleiros, o vindeiro martes 13 de maio celebrarase no teatro As Torres de Santa Cruz un espectáculo de música e poesía a cargo da poeta Yolanda Castaño acompañada pola música en directo do compositor e instrumentista Isaac Garabatos.

Entre a envolvente música en directo, Yolanda Castaño (Premio Nacional de Poesía 2023) ofrécenos un paseo guiado a través dos seus poemas culminando cos do seu novo libro, “A falsa autónoma”. Poesía e música únense nun espectáculo de gran calidade artística e cargado de emocións.

Yolanda Castaño é poeta, filóloga e unha activa xestora cultural, coa súa propia residencia para escritores/as na Coruña. Premio Nacional de Poesía (2023) e Premio da Crítica en lingua galega (2022) polo seu libro Materia. Entre as súas obras podemos destacar: A falsa autónoma, Vivimos no ciclo das Erofanías, O libro da Egoista, Profundidade de campo, A segunda lingua, Elevar as pálpebras ou Delicia. Ademais dos citados, ten no seu haber outros premios literarios, como por exemplo: Premio da Cultura de Galicia (2023), Premio Irmandade do Libro a autora do ano (2014), Premio Fundación Novacaixagalicia (2013), Premio Ojo Crítico (2009), Premio Espiral Maior (2007), Premio Nacional da Crítica (1999).

Isaac Garabatos é un dos músicos e compositores máis versátiles do panorama musical galego. Realizou numerosos traballos de composición para diferentes obras de danza contemporánea, teatro, curtametraxes e grupos de Jazz, Fusión, Latin-Jazz, Funk, Folk, Pop, Rock e dance.

Desde as bibliotecas municipais invítase ás persoas que desexen asistir, ata completar o aforo.

Deja un comentario