Monday 12 de May de 2025

Un novo encontro sobre o autobús urbano reúne en Monelos a medio cento de persoas


Veciños e veciñas de toda a cidade achegáronse ao Centro Cívico para participar das cuestións prioritarias de cara a renovación do servizo de transporte público
Este xoves 8 de maio a mocidade darase cita no Remanso, nunha xuntanza específica para achegar as súas suxestións
O Centro Cívico de Monelos acolleu esta tarde un novo encontro participativo sobre o futuro do autobús urbano da Coruña, o quinto dos 11 encontros organizados polo Goberno de Inés Rey no marco do estudo para a definición da nova rede de autobuses.
A sesión iniciouse coa presentación da alcaldesa quen agradeceu ás persoas asistentes que se achegaran a participar e destacou o distrito 7 como o de maior poboación da Coruña, xunto co que máis liñas e
paradas ten.
En total, cerca de medio cento de persoas participaron no encontro celebrado co obxectivo de recoller as cuestións prioritarias de cara ao futuro do servizo de transporte público. A alcaldesa estivo acompañada dos concelleiros e concelleiras José Manuel Lage, Noemí Díaz, Yoya Neira e Diana Sobral.
Ademais, o equipo técnico do estudo do transporte urbano presentou como está a ser o proceso e realizouse unha dinámica participativa na que as persoas asistentes puideron achegar propostas sobre frecuencias, liñas, accesibilidade, conexións intermodais ou cobertura territorial.
Peticións e suxerencias
O distrito 7 conta con aproximadamente 60.748 habitantes articúlase en 18 liñas de autobús urbano (1, 1A, 2, 2A, 4, 5, 12, 12A, 14, 17, 20, 21, 22, 23, 23A, 24, UDC) máis o BUH e cun total de 107 paradas.
A enquisa realizada durante o encontro permitiu identificar cales son os aspectos máis valorados —e tamén os máis criticados— polos usuarios e usuarias do transporte urbano da Coruña. Practicamente o 80% das persoas que asistiron eran do distrito 7 e un 81% fixérono a título persoal. En total, case o 64% das persoas que asistiron dixeron empregar o autobús semanalmente, entre 1 e 5 días.
Como nos anteriores encontros, os prezos foron o elemento mellor valorado, cunha media de 9 puntos e case todas os aspectos foron puntuados por enriba de 5, coa accesibilidade (6,9) como segundo aspecto mellor valorado. Séguenlle as liñas e paradas (5,7), as marquesiñas (5,4) e a frecuencia dos servizos (5.1). A intermodalidade foi o aspecto peor valorado (4,6), así como o único que non acadou a metade da escala.
Neste sentido, a cidadanía identificou como ámbitos prioritarios de mellora a puntualidade e as frecuencias (30%) xunto coa accesibilidade (13%) e a adaptación a eventos masivos (12%).
Próximos encontros
Este xoves, 8 de maio, ás 19.00 horas, terá lugar un encontro específico para a mocidade no Espazo Xuvenil do Remanso. Será o que marcará o ecuador dos encontros, que continuarán a finais de mes no Centro Cívico do Birloque.
O calendario previsto é este:
  • 20 de maio: Centro Cívico do Birloque
  • 29 de maio: Centro Cívico dos Rosales
  • 5 de xuño: Fórum Metropolitano
  • 10 de xuño: Centro Cívico de Eirís
  • 12 de xuño: Centro Cívico de Elviña
  • 14 de xuño: Circo de Artesáns
As persoas interesadas en participar nalgún ou nalgúns dos Encontros de Barrio programados ata mediados de xuño xa poden formalizar a súa inscrición a través desta ligazón. Ademais, toda a información sobre o proceso participativo estará dispoñible nesta web específica.

Deja un comentario