
A problemática da vivenda na Galiza en xeral e en Oleiros en particular, cos alugueiros medios máis altos, esixe políticas rotundas en vivenda pública por parte de todas as Administracións
O venres 9 de maio a deputada nacional e experta en vivenda Alexandra Fernández dará unha charla en Oleiros sobre todas estas cuestións
O BNG de Oleiros foi o único partido que no pleno do mes de abril votou en contra de establecer a reserva de vivenda protexida no mínimo decretado pola Xunta do 8,1%. Cómpre lembrar que as cifras da Xunta so vinculan nese mínimo do 8,1%, pudendo os Concellos superar esas porcentaxes con máis reserva de vivenda protexida, o Concello de Oleiros historicamente se cingue sempre a esas porcentaxes mínimas, consideradas suficientes para atender a demanda de vivenda protexida no territorio municipal. As porcentaxes de reserva de vivenda protexida fíxaas a Xunta (IGVS) en función dos demandantes da mesma, a Xunta fixa ese número en Oleiros en 263 persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galiza , mais achamos que as cifras son na realidade máis elevadas como pode acreditar a demanda de vivendas protexidas no Concello, falábase de 1700 solicitudes nas cooperativas de vivendas protexidas que ten en marcha Oleiros na actualidade.
Xa se reducira esta porcentaxe do 33,86 % ao 10%, unha decisión que sempre beneficia aos promotores.
Por outra banda nos dous últimos anos o prezo da vivenda protexida subiu de media un 40 % na Galiza , un aumento desproporcionado e inxustificado co que o Goberno do PP fai imposíbel o acceso das rendas máis Baixas, e tamén das medias a un piso en réxime de protección.
Só tomando en consideración a suba do 2024, o prezo dunha vivenda protexida de tamaño medio custa agora entre 26.487 e 42.379 euros máis que hai un ano, desde o BNG de OIleiros demandamos encarecidamente que se baixen os prezos máximos de venda e renda da vivenda protexida de protección autonómica, co fin de garantir a súa accesibilidade.
Non debe existir unha estratexia para facer da vivenda protexida un negocio rendíbel para promotores e construtores, as subas aprobadas de maneira arbitraria polo Goberno do PP fixeron que os prezos da vivenda protexida se sitúen hoxe case ao mesmo nivel que os da vivenda libre. Con ese incremento de prezos, unha vivenda en réxime concertado localizado nunha das zonas de Prezo Máximo Superior alcanzaría os 240.160, ou 203.067 en réxime especial orientado ás rendas máis baixas. É unha tomadura de pelo, mais cos ridículos salarios que temos na Galiza
Cómpre un axuste dos prezos con indicadores transparentes e bonificacións segundo o nível de renda. Tamén cómpren axudas cando o réxime é de cooperativas, como no caso de Oleiros.
As medidas non chegan, polo que sexa , porque as demandantes tiveron que renunciar por non poder facer fronte ao depósito inicial ben por outras razón, mais fica claro que estas vivendas protexidas non son accesíbeis ás persoas que máis o precisan, persoas que non poden acceder a estes prezos taxados. A estas vivendas cun prezo protexido só poden acceder persoas que non teñen problemas para acceder á vivenda a prezo libre, e fican excluídas as persoas que xa están fóra do mercado por motivos económicos.
Seguindo cos datos, a situación en Oleiros é singular e non para ben, precisamente. Oleiros é o Concello do país cos alugueiros máis caros segundo os últimos datos do IGVS con cifras escandalosas de 886 euros de alugueiro medio.
No BNG o que si temos claro é que seguir con números raquíticos, 8.1 %, na porcentaxe de reserva de vivenda protexida non é a solución, cómpre subir a porcentaxe moito máis e cómpre tamén rebaixar o prezo da vivenda protexida, única baixada que conta alén doutras moitas medidas como a mobilización de vivenda baleira, a limitación de prezos en zonas tensionadas, o alugueiro social, a rehabilitación, sancións a vivendas baleiras para evitar a especulación, o fomento de proxectos vivenda colaborativa (crowfunding) para maiores e colectivos específicos ou a creación de mesas de vivenda con participación cidadá…
Para falarmos de todos estes temas polo miúdo o BNG de Oleiros convoca unha charla o vindeiro venres 9 de maio contra as 20 horas na Casa Charry de Oleiros. Nela intervirá Alexandra Fernández, deputada nacional do BNG, arquitecta de profesión e experta en cuestións de vivenda e vivenda pública.