A delegada informou que na comarca do Barbanza recibiron estas achegas cinco empresas turísticas por un importe de máis de 475.000 euros
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou, esta tarde, os apartamentos Ancoradoiro que contaron cunha achega autonómica de axudas en réxime de concorrencia non competitiva, dentro da liña de subvencións para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas de Turismo de Galicia do ano pasado.
Este establecemento é unha das cinco empresas turísticas da comarca do Barbanza que resultaron beneficiarias da convocatoria do 2024 que deixou case 475.000 euros en achegas na zona. Na provincia foron beneficiados 45 establecementos por un importe de máis de 3,2 millóns de euros.
No caso destes apartamentos en Muros, a subvención concedida destinouse ás obras de impermeabilización de parte da fachada sur e á totalidade da fachada lateral oeste, colocando un sistema de illamento térmico. A intervención tamén contemplou o illamento e impermeabilización da terraza superior cun sistema bicapa que asegura a resistencia ás condicións de humidade e o confort térmico.
As obras tamén contemplaron a substitución das ventás, das fachadas oeste, norte e sur por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica para evitar perdas de calor e mellorar a eficiencia enerxética. Estas intervencións reducen significativamente a perda de calor, incrementando o confort interior dos apartamentos e contribuíndo ao obxectivo de eficiencia enerxética do proxecto.
A delegada da Xunta destacou a importancia de apoiar a un sector en auxe “con axudas que non só lles van a permitir aforrar na súa factura da luz, senón tamén mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos que se prestan no noso territorio” e lembrou que se trata dunha medida incluída dentro das cción que leva a cabo a Xunta de Galicia para avanzar nun modelo turístico sostible.
Convocatoria 2024
Con respecto ás solicitudes realizadas o ano pasado Belén do Campo lembrou que o presidente da Xunta anunciou un incremento de preto dun millón de euros que se uniron aos 10 consignados inicialmente para poder atender todas as peticións xa presentadas.
Con respecto a convocatorias anteriores, a do 2024 introduciu como novidade, a posibilidade de que as empresas de restauración -non só as de aloxamento- tamén puideran optar a elas.
Ademais, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), non se pide antigüidade mínima dos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.
Como norma xeral, a intensidade da axuda é de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto; aínda que pode chegar ao 80 ou 90% no caso no que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%.
Entre as actuacións subvencionables inclúese a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, das instalacións térmicas, a colocación de paneis fotovoltaicos para autoconsumo, renovación da iluminación e dos electrodomésticos e a instalacións de sistemas de automatización e control da enerxía. Os investimentos deberán estar executados antes do 31 de decembro de 2025.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.