
• O bus municipal segue sen chegar a Souto: “Un traxecto que para os veciños supón un gran esforzo e que o goberno local segue sen resolver”
• “O centro cívico de Vallesur e As Oliveiras, prometido en 2018 e licitado en 2023, segue parado. Unha burla para os veciños e un símbolo do abandono do goberno local”, denuncia Izaskun
O Centro Social de Orro encheuse onte nunha nova convocatoria do “Rúa a rúa, escoitando”, a iniciativa organizada polo Partido Popular de Culleredo co obxectivo de escoitar de primeira man as demandas, queixas e suxestións dos veciños de cada recuncho de Culleredo. Nesta xornada, os populares recolleron unha ampla variedade de preocupacións que afectan directamente á vida diaria dos veciños da parroquia de Orro.
Un dos temas máis sinalados foi a carencia de rozas en toda a parroquia, que compromete a seguridade e accesibilidade de veciños e vehículos. O estado da estrada DP 0510, dependente da Deputación, foi tamén duramente criticado polos asistentes, que denunciaron a falta de limpeza a ambos os dous lados da vía e as deficiencias estruturais dunha obra mal rematada. “É unha vergoña que, despois de tanto tempo e diñeiro investido, a obra non quedase como debería”, denunciou Izaskun García, portavoz do PP de Culleredo.
Outra queixa reiterada foi a ausencia do servizo de bus municipal en Souto, unha histórica demanda que o goberno local non atendeu. Os veciños deben camiñar máis de tres quilómetros ata a parada máis próxima en Orro Ponche. “Para un autobús non supón un gran desvío, pero para os veciños é un percorrido moi duro, especialmente para maiores ou persoas con necesidades médicas”, lembrou García.
Esta situación, que afecta os residentes, especialmente a aqueles que necesitan acceder a servizos médicos e outras xestións no centro de Culleredo, segue sendo unha carencia que non foi atendida polo goberno municipal, a pesar das reiteradas peticións dos populares nos plenos.
A indignación tamén se fixo notar nas urbanizacións de Vallesur e As Oliveiras, onde, ademais da falta de contedores de lixo e papeleiras deterioradas, preocupa especialmente o mal estado do parque infantil, co peche roto e arames perigosos ao alcance dos nenos.
A esta situación súmase o atraso inxustificable do centro cívico prometido polo alcalde Rioboo en 2018. “Foi unha promesa de fai sete anos, o proxecto licitouse en 2023 e aínda non se moveu unha pedra. É unha tomadura de pelo intolerable”, afirmou García. “O goberno local está a deixar aos veciños destas urbanizacións completamente abandonados”.
A portavoz popular denunciou a inacción do executivo municipal: “As demandas que escoitamos son urxentes e evidentes, e non poden seguir esperando. Desde o PP de Culleredo seguiremos pelexando para que se atendan, porque os veciños merecen solucións, non máis escusas nin promesas baleiras”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.