Os equipos teñen ata o venres para apuntarse na cita deportiva, que se celebrará na mañá do Xoves Santo
O próximo 24 de marzo celebrarase no pavillón municipal e nas pistas do colexio a sétima edición do tetramaratón de San Sadurniño. Unha cita deportiva na que poderán participar persoas maiores de 15 anos agrupadas en equipos reducidos que xogarán a volei, fútbol sala, baloncesto e hóckei. A inscrición é gratuíta e o prazo remata este venres, día 18. Nesta edición o regulamento introduce como novidade que os tantos conseguidos polas mulleres valerán o triple -o ano pasado era o dobre-, co obxectivo de potenciar a presenza feminina na competición e de que nela participen o maior número posible de equipos mixtos.
Os encontros comezarán ás 9.30h. e desenvolveranse ata primeiras horas da tarde da xornada do Xoves Santo. Hai catro disciplinas distintas e adaptadas a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos, que poderán ser mixtos e deberán ter un mínimo de cinco xogadores/xogadoras e un máximo de seis. O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán o triple.
No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de tres contra tres tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckei o tempo tamén correrá sen pausa durante 10 minutos e, por cada equipo, só poderá haber 4 xogadores ou xogadoras no campo.
Cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empates contabilizarase a diferenza de tantos a favor e en contra de todos os partidos disputados.
As inscricións son obrigatorias e poderán facerse ata o venres 18 de marzo entregando na Casa da Cultura a folla correspondente en horario de 9.30 a 14.00 horas. Tamén é alí onde nos facilitarán máis información ao respecto de como se desenvolverá o tetramaratón. A participación é gratuíta e haberá premios para o primeiro e segundo clasificados. O gañador recibirá un cheque de 50 euros por deportista para mercar material deportivo, mentres que os subcampións levarán cadanseu talón por valor de 25 euros, tamén canxeable por material en Deportes Sanesteban.
O VII Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes e Ensino coa colaboración loxística do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño, ademais da achega económica xestionada pola Deputación da Coruña.