Tuesday 06 de May de 2025

Empresas produtoras e restaurantes poñen en valor o potencial gastronómico do Xeodestino Terras de Santiago


O innovador espazo de traballo “O fío verde” traballa por primeira vez a relación directa entre vinte produtores locais e outras tantas empresas de restauración de Compostela, que onte mesmo xa empezaron a artellar fórmulas de colaboración

 

A iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino das Terras de Santiago, xestionado polo GDR e financiado pola Xunta de Galicia e o Goberno de España

 

Promover unha relación directa entre produtores locais e empresas de restauración na área de influencia do Xeodestino Terras de Santiago. Este era un dos obxectivos principais do innovador espazo de traballo “O Fío Verde”, primeira experiencia de traballo posta en marcha polo Xeodestino Terras de Santiago e que resultou todo un éxito, como demostra o feito de que nese mesmo encontro comezaron a xurdir relacións comerciais entre algúns dos produtores e restauradores presentes.

 

A xornada “O Fío Verde” tivo lugar en A Quinta da Auga (Santiago) e nela participaron unha vintena de produtores locais de municipios que integran este xeodestino (Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra) así como outras tantas empresas de restauración de Compostela e a súa área de influencia. “Terras de Santiago é unha localización que ten ao 70% do mercado galego a menos dunha hora de desprazamento, o que supón uns 2 millóns de potenciais clientes que aceptan de bo grado a idea de desprazarse unha hora para coñecer un novo territorio e comer uns produtos especiais de tempada, ecolóxicos, de calidade, naturais e de proximidade”, indican dende o Xeodestino Terras de Santiago.

 

Chefa Fernández, xerente do GDR Terras de Compostela, fixo unha presentación na que fixo fincapé na especial relación do sector primario con este territorio e a súas implicacións sobre a paisaxe e a forma de vida. Unha importancia que determinou que a primeira experiencia de traballo do Xeodestino Terras de Santiago no ámbito do turismo gastronómico estivese centrada en apoiar o labor das empresas do sector primario e traballar por primeira vez esa relación directa cos restauradores.

 

Produtores e restauradores presentes

 

“O Fío Verde” conseguiu reunir en A Quinta da Auga a un total de dezasete restauradores de Compostela e a súa área de influencia:  Onde Keiras, A Quinta da Auga, Casa Abelleira, Bodeguilla de San Lázaro, Casa Barqueiro, A Ribeira do Tambre, Restaurante Villa Verde, Pazo de Cores, A Nave de Vilán, Lume, Casa Beatnik, O Fogar do Selmo, O Secreto de Padrón, Bar Barreiro, Restaurante Barrigola, Talladas Gastrobar e O Alpendre.

 

No que atinxe aos produtores locais, estiveron presentes: Helados Xearte Brigitte, A Veiga do Espiño, A Horta do Rodiño, Grupo TGT, Cabrizanca, Orixes Galegas, Daquí darredor, Horta A Castiñeira, Nonéomesmo Compostela, A Dos Capelo, Entrelampo, Pasta Fresca la Ideal, Finca Capeáns, Gandería Mestre, Black Wolf, Hortasán ECO, Pementos Carmucha, Teo Berries e Pollos Rivadulla. Todos eles suman unha oferta variada de produtos de temporada: desde tirabeques ata ajetes, pasando por acelgas, repolos, puerros, zumes xeados, pasta fresca, chourizos, polos, tenreira, cabritos ou vacún.

 

Tras unha presentación por parte dos produtores locais na que daban a coñecer os produtos que elaboraban, os restauradores amosaron tamén as súas necesidades. E foi neste intercambio onde comezaron a xurdir de xeito inmediato relacións entre uns e outros, baseadas nun interese común que beneficia a ambas as dúas partes.

 

Así, Lois Lopes, de A Nave de Vidán e integrante da asociación Hostalaria.gal, animou aos produtores de cabrito a vender tamén cabra, para así recuperar un prato tradicional como é a cabra ao estilo de Santiago. Unha preparación que ofrecen no seu establecemento pero cuxa materia prima é tremendamente escasa.  Outro exemplo destas novas relacións foi Pura Seoane, de Hortasán ECO, quen fixo unha proposta aos restaurantes presentes: en vez de venderlles o seu excedente de produto, que estes lle dixeran directamente que preferían que producira. Unha forma de poder producir de forma directa e á carta aquilo que o restaurador demande.

 

Tras estas primeiras exposicións públicas, os presentes comezaron a reunirse en grupos de traballo para que os restauradores puideron ofrecerlles fórmulas de colaboración aos produtores locais, mentres estes coñecían tamén outras opcións ás que acollerse para desenvolver a súa fórmula de negocio. A xornada rematou cunha degustación na que todos os presentes puideron comprobar e valorar a calidade e as posibilidades que ofrecen os distintos produtos ecolóxicos e de quilómetro cero que se ofertan no Xeodestino Terras de Santiago.

 

Esta iniciativa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino das Terras de Santiago, xestionado polo GDR Terras de Compostela e financiado pola Xunta de Galicia e o Goberno de España

Deja un comentario