
· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou, esta mañá, a programación, que arrincará este venres, 9 de maio, e se prolongará ata o día 30.
Exposicións, teatro, presentacións de libros e discos, música e baile. Esa é a proposta do Concello para celebrar o mes das Letras Galegas. Baixo o título de Maio das Letras Galegas, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou, esta mañá, a programación municipal para conmemorar esta data sinalada na Comunidade. O obxectivo, tal e como avanzou, “é ofrecer propostas pertencentes a todos os xéneros culturais e dirixidas a veciños e veciñas de todas as idades”. O calendario arrincará este venres, 9 de maio, e prolongarase ata o día 30.
A primeira correrá a cargo do alumnado da escola Fernández Varela coa súa exposición Da Pobra para o mundo. A inauguración terá lugar o venres, 9 de maio, ás 12.30 horas na casa da cultura Raquel Fernández Soler.
Ese mesmo día, ás 21.00 horas, o teatro do cine Elma acollerá a proxección da longametraxe As Neves. O filme, ambientado no pobo do mesmo nome, fala da desaparición dunha rapaza tras unha festa de Entroido organizada por un grupo de adolescentes da localidade. A falta da moza suporá o inicio dunha investigación que cambiará, non só as vidas dos protagonistas da obra, senón tamén a súa relación co mundo.
O xoves, 15 de maio, a oferta cultural continuará co Xogo das Letras Galegas Coa voz en festa, de Barafunda Animación. A iniciativa, especialmente dirixida para o alumnado de primaria, celebrarase de 10.00 a 13.00 horas polas prazas e rúas da vila.
Ao día seguinte, o venres 16 de maio (ás 20.00 horas), o teatro Elma acollerá a presentación do libro-disco Fremosas. Cantigas de amigo e de amor, do grupo Barahunda. Trátase do quinto traballo da banda e, nel, reúnense as cantigas que foron creando ao longo dos anos, así como outras pezas compostas especialmente para este disco.
Protagonismo para o local
No propio Día das Letras Galegas (sábado, 17 de maio), o Concello daralle todo o protagonismo ás agrupacións culturais da Pobra. A través da actividade Pola vila, de remudas, a Asociación Arrancadeira, a Asociación Cultural e Deportiva Xiada e a Asociación Cultural Eiradela encherán as rúas do municipio de música e baile tradicional. A actividade celebrarase de 12.30 a 14.30 horas.
A Pobra, de estrea
O Maio das Letras Galegas continuará o venres, 23 de maio, ás 19.30 horas coa proxección da curtametraxe Adeus, Berta no Cine Elma. A Pobra será o lugar onde se estreará este traballo de Fernando Tato. A obra conta a historia de Alicia, unha rapaza chega á casa dos seus pais na Pobra, lugar onde se volve atopar coa súa irmá, que acaba de saír dun centro de rehabilitación. Ademais da proxección, haberá unha charla-faladoiro co director e con membros do equipo de produción, cóctel, DJ e photocall.
O programa municipal pechará o venres, 30 de maio, coa presentación do libro gañador do VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro da Pobra: Cando o mundo é azul, de Óscar Reboiras. Será ás 12.00 horas no auditorio da biblioteca Victoriano García Martí. Os alumnos e alumnas de primaria recibirán exemplares da obra de agasallo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.