
· A cita reunirá arredor de dez clubs da zona norte de Galicia nas categorías cadete, xuvenil e absoluta, tanto na modalidade feminina como masculina
· A competición desenvolverase en dúas xornadas: a clasificatoria o sábado 10 de maio e a final o domingo, día 11
A Pobra do Caramiñal converterase este fin de semana no epicentro do remo galego coa celebración do Campionato Territorial Norte de Traiñeiriñas, unha cita deportiva que reunirá arredor de dez clubs da zona norte de Galicia nas categorías cadete, xuvenil e absoluta, tanto na modalidade feminina como masculina. A competición desenvolverase en dúas xornadas: a clasificatoria será o sábado, 10 de maio, ás 16:00 horas; e a final terá lugar o domingo, día 11, ás 11:00 horas.
Na fase clasificatoria, os clubs loitarán por estar entre os cinco mellores postos de cada categoría para acceder á final do domingo. De aí, os catro primeiros clasificados de cada categoría conseguirán o pase ao Campionato Galego ‘Xunta de Galicia’ de Traiñeiriñas, que se celebrará a fin de semana seguinte en Cabo de Cruz (Boiro). As distancias de regata serán de 1.750 metros para a categoría cadete e de 3.500 metros para as categorías xuvenil e absoluta.
A presentación do evento tivo lugar esta mañá e contou coa participación do alcalde, José Carlos Vidal, que estivo acompañado polo presidente do Club de Remo Puebla, Emilio José Dieste, e do vicepresidente da Federación Galega de Remo, Gustavo Vázquez.
O edil destacou que “é unha honra para A Pobra acoller un evento deste nivel, que pon en valor o noso litoral, promove o deporte base e reforza o papel do remo no noso concello”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.