Wednesday 07 de May de 2025

Luis Fonsi e Diego el Cigala únense ao cartel do ciclo  Son do Nordés  


Os seus concertos, no auditorio de Santa Margarida, serán o 17 e 20 de  xullo e as entradas sairán á venda esta tarde ás 18.00 horas 

O ciclo de concertos Son do Nordés pecha o cartel da súa  primeira edición con Luis Fonsi e Diego el Cigala, completando catro xornadas de actuacións  ao vivo no auditorio do parque de Santa Margarida no mes de xullo. “Desde o Goberno de  Inés Rey apoiamos esta nova iniciativa como unha posibilidade máis para que a cidadanía  goce de artistas mundialmente recoñecidos en espazos singulares da Coruña como o parque  de Santa Margarida”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. 

Luis Fonsi e Diego el Cigala únense a Il Divo e Albano y Romina, cuxas entradas xa están á  venda. Os tickets destas dúas últimas confirmación poderanse adquirir a partir desta tarde ás  18.00 horas a través de www.sondonordes.com, Ataquilla e do despacho de billetes da praza  de Ourense. 

Luis Fonsi regresa a España este verán tras a súa exitosa xira 25 Aniversario, coa que encheu  a praza de María Pita no verán do 2022. O artista volve ao país para emocionar ao seu público  unha vez máis cun show único acompañado dos seus grandes éxitos, sempre con moita  enerxía. 

Por outra banda, Diego el Cigala celebrará o 20 aniversario do lanzamento de ‘Lágrimas  Negras’, o disco que gravou xunto ao lendario pianista Bebo Valdés. Con este álbum Diego  traspasaría as fronteiras do flamenco para chegar ao mundo e ser alcumado o ‘Sinatra do  flamenco’. Nomeado mellor álbum do 2003 por Ben Ratlif do New York Times, gañador de  dous premios Grammy, premio World Music da BBC entre outros galardóns e dous millóns  de copias vendidas no mundo. 

Nesta xira ‘20 años de Lágrimas’ fai un percorrido por todos os temas que chegaron á súa  vida para converterse en imprescindibles como ‘Corazón loco’, ‘Dos Gardenias’ ou “Historia  de un amor” cunha formación encabezada polo seu pianista dos últimos 15 anos Jaime  Calabuch “Jumitus”, contrabaixo e percusión. 

Son do Nordés nace como unha experiencia musical ao aire libre e coa finalidade de  converterse nun referente en Galicia apostando por unha oferta variada e exclusiva a nivel  galego. Ademais de Fonsi e El Cigala, Al Bano e Romina ofrecerán unha experiencia moi  especial para as persoas afeccionadas á música italiana, cun repertorio cheo de clásicos  como ‘Felicità’ ou ‘Ci sarà’. Pola súa banda, a popular formación Il Divo regresará á cidade  tras o seu paso polo Coliseum o pasado 2021. O cuarteto vocal fará un repaso dos seus  grandes cláiscos na súa xira de 20 aniversario. 

Son do Nordés 

  • Luis Fonsi: 17 de xullo 
  • Albano & Romina Power / Yari Carrisi Power: 18 de xullo 
  • Il Divo: 19 de xullo 

Diego el Cigala: 20 de xullo

Deja un comentario