Wednesday 07 de May de 2025

Máis dun cento de persoas despide de Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu, que estiveron un ano como voluntarias europeas de Lousame


A alcaldesa, Teresa Villaverde, e a concelleira de Cultura e Xuventude, Silvia Agrafojo, entregáronlles os Youthpass despois dunha estancia de doce meses en Lousame

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Cultura e Xuventude, Silvia Agrafojo, presidiron un emotivo acto de despedida das dúas voluntarias europeas, a italiana Letizia Saccani e a turca Fatma Erdemoglu, que participaron durante o último ano no programa de voluntariado europeo “European Solidarity Corps”. Un acto que colleu por sorpresa ás dúas voluntarias, que só agardaban a protocolaria entrega dos certificados Youthpass (un instrumento de recoñecemento europeo que sirve para identificar e recoñecer os resultados da aprendizaxe adquiridos durante os doce meses que estiveron en Lousame) e que se atoparon con preto de 120 persoas agardando por elas no auditorio municipal.

O Mago Teto fixo de mestre de cerimonias, alternando unha serie de divertidos e sorprendentes xogos de maxia a un auditorio composto esencialmente por rapaces e rapazas do Voluntariado de Lousame, así como por persoas maiores do Voluntariado Senior e mesmo por usuarias do centro de día e do Punto de Atención á Infancia, convocadas todas elas polo técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, para darlles unha agarimosa despedida a Letizia e Fatma. Así mesmo, xunto a Villaverde e Agrafojo, tamén asistiron os concelleiros de Economía, Esteban Ares; Obras, Ramón Martínez; Deportes, Mariel Agrafojo; e Protección Civil, José Antonio Ces.

Lousame, referencia en Galicia en voluntariado

Villaverde Pais salientou que “hoxe non é entendible un mundo sen voluntariado e sen a colaboración de todos e todas vós, Lousame non sería o mesmo. Seguide involucrando a máis xente para que sigamos sendo un exemplo non so na comarca senón en Galicia”. Así mesmo, puxo en valor o feito de que Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntariado. De momento non enviamos a ninguén de Lousame a Europa, pero aproveito para animar aos presentes a que lle dean unha volta a esta oportunidade”.

Pola súa banda, Silvia Agrafojo aproveitou para darlles as grazas a Letizia e Fatma “por toda a vosa colaboración, porque estivestes no Punto de Atención á Infancia, nas actividades deportivas e culturais… non hai nin unha soa área do Concello na que elas non estiveran colaborando”. Finalmente, o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, destacou que “falar de Lousame é falar de voluntariado e grazas a xente como Letizia e Fatma e a moitas como elas que estades hoxe aquí connosco somos un dos poucos concellos de Galicia que podemos presumir de desenvolver cada ano proxectos de voluntariado xuvenil, de voluntariado senior e de voluntariado europeo. E iso é posible grazas a vós”.

Agradecementos

Letizia Saccani e Fatma Erdemoglu estiveron moi emocionadas durante todo o acto, pois pensaban que era unha cea despedida co persoal municipal e se atoparon con máis dun cento de persoas coas que estiveron en contacto durante a súa estancia en Lousame. Letizia Saccani destacou que “fue un año muy especial con toda la gente de Lousame, y también de Noia y de Santiago… los gallegos, en general, sois personas especiales. Fue un año fantástico, podría decir que el favorito de mi vida”. Pola súa banda, unha emocionada Fatma Erdemoglu so foi quen de dar “las gracias. Gracias por todo. La verdad es que fue genial”.

O Youthpass non foi o único agasallo que levaron Letizia e Fatma. A concelleira de Mocidade e Igualade, Silvia Agrafojo, entregoulles sendas figuras de Sargadelos, mentres que dende o grupo O Son do Pote e as pandereteiras da Aula Sénior da UNED quixeron colaborar no acto poñendo a súa música e entregándolles un poema escrito e recitado por Esperanza Piñeiro, veciña do municipio. A maiores, agasalláronas con varios cadros da súa estancia, obra de Juan Carlos Lorenzo.

O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntarios/as. En 2017 iniciou este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova (presente no acto de hoxe); entre 2018-2019 contaron coa colaboración da ucraína Oksana Kalinicheko e a rusa Iuliia Bautdinova; mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento pola Covid-19. No 2021 contaron coa colaboración doutras dúas voluntarias turcas, Ebru Karaca e Dilara Güven. E no 2023 recibiron a outras dúas voluntarias da mesma nacionalidade: Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas.

Deja un comentario