Friday 22 de November de 2024

Éxito e alto nivel de participación na XVIII Festa do Lacón con Grelos


O alcalde de Ordes exerceu de anfitrión a Belén do Campo, actual directora xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentaria, que coa súa presenza evidenciou o seu respaldo á celebración

A edición na que a Festa do Lacón con Grelos de Mesón do Vento cumpriu a maioría de idade non puido ser mellor. O enfoque lúdido e festivo co que o actual equipo de Goberno plantexou a organización para este ano aderezou perfectamente co gusto dos asistentes, que por milleiros deron boa conta de todas as racións de lacón con grelos que agardaban por eles e que en conxunto sumaron 2.450 quilos. A cita está considerada unha das xuntanzas gastronómicas máis importantes da provincia e como tal hoxe se fixo notar tanto polo ambiente de celebración como pola gran afluencia de público asistente chegados de todo o territoria da Comunidade.
Milleiros de persoas déronse cita dende ben cedo para dar conta dun amplo programa repleto de actividades. Feiras de artesanía, concentración moteira con centenares de participantes, probas cabalares, obradoiros infantís, probas de agility canina, mostra de vehículos de ocasión e de maquinaria agrícola, música, baile e moita festa marcaron esta xornada festiva. Entre os asistentes non faltaron os membros do Goberno Local co alcalde José Luis Martínez Sanjurjo á cabeza. Este serviu de anfitrión a unha distendida Belén do Campo, actual directora xeral de Gandeiría, Agricultra e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, que coa súa presenza quixo amosar o seu apoio a unha cita tan importante como esta.