Wednesday 07 de May de 2025

Case 2.400 persoas inscritas na Baixada Popular de San Pedro de Visma, que volve este domingo cun percorrido de 6,5 quilómetros, con paso polo parque de Bens


A recollida de dorsais habilitarase este sábado 10 no Centro Comercial de Catro Camiños e tamén o domingo, propio día da carreira, no centro cívico municipal de San Pedro de Visma, a partir das 9.00 horas

A décimo sexta edición da Baixada Popular de San Pedro de Visma xa quenta motores de cara á xornada deportiva deste domingo 11 de maio, con case 2.400 persoas inscritas tras pecharse o prazo de solicitudes a pasada fin de semana.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que a carreira sairá desde o cruzamento entre as rúas San Pedro de Visma e Aguillón, moi preto do centro cívico do barrio. Como xa é habitual, as persoas deportistas participantes na categoría absoluta serán as primeiras en arrincar, ás 10.00 horas. Xa a partir das 11.15 horas comezarán as saídas correspondentes ás categorías inferiores, con quendas cada quince minutos.

O percorrido, que combinará treitos de asfalto con outros de terra, será de aproximadamente 6,5 quilómetros e pasará, entre outros puntos, polas sendas do parque de Bens e a estrada que conecta Visma co núcleo poboacional de Mazaído. Os trazados correspondentes a cada categoría xa poden consultarse a través desta ligazón.

Como xa é habitual en cada carreira, as persoas que se inscribiron no circuíto Coruña Corre no seu conxunto deberán confirmar na web a súa participación nesta proba. Isto facilita a organización e a distribución de servizos de cara ás probas, xa que permite contar cunha estimación máis aproximada de cantas persoas teñen previsto tomar parte nelas.
Cómpre lembrar que o domingo haberá servizo de duchas no pavillón polideportivo de Labañou (das 10.30 ás 13.00 horas) e tamén se habilitará un gardarroupa no Centro Cívico municipal de San Pedro de Visma, desde as 9.30 ás 11.15 horas.

A recollida de dorsais, habilitada o sábado e tamén o día da carreira

Manuel Vázquez informou hoxe de que a recollida de dorsais con vistas á XVI Baixada Popular de San Pedro de Visma habilitarase este sábado 10 nas instalacións do Centro Comercial de Catro Camiños, un dos novos patrocinadores do circuíto Coruña Corre para esta tempada. O horario de recollida será das 11.00 ás 20.30 horas.

Ademais, tamén haberá a posibilidade de recollelo o propio día da carreira, domingo 11, no Centro Cívico municipal de San Pedro de Visma. Será a partir das 9.00 horas.

Deja un comentario