Wednesday 07 de May de 2025

Publicadas as listaxes provisionais do programa Idiomas do Mundo, co que o Concello fomenta a aprendizaxe de idiomas no estranxeiro entre o alumnado da Coruña


Ábrese un prazo de dez días para presentar reclamacións, paso previo á publicación da listaxe definitiva de persoas beneficiarias, que terán a oportunidade de desfrutaren dunha estadía dun mes en Irlanda este verán

Hoxe publicáronse as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no programa municipal Idiomas do Mundo 2025, unha iniciativa coa que o Concello facilita que 32 alumnas e alumnos de centros educativos da cidade gocen este verán dunha estadía de inmersión lingüística dun mes en Irlanda.

De cara á edición deste ano, o Concello recibiu un total de 78 solicitudes, das que 15 foron excluídas por non se axustaren ás bases establecidas ou, por outra banda, non completaren a documentación requirida. Agora, con 32 persoas admitidas, hai outras 31 na listaxe de agarda, que optan así a cubrir posibles baixas ou renuncias.

O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, lembrou que “a partir de hoxe ábrese un prazo de dez días hábiles para presentar reclamacións, ata o martes 20 de maio”. Tras este período, e unha vez avaliadas as alegacións, publicaranse as listaxes definitivas desta edición de Idiomas do Mundo. A información completa pode consultarse a través desta ligazón.
O programa, orientado a estudantes coruñeses que están a cursar o primeiro ano de Bacharelato, desenvolverase durante o vindeiro mes de agosto. Ao longo da súa estadía en Irlanda, as alumnas e alumnos beneficiarios desta convocatoria convivirán cunha familia nativa e asistirán tamén a clases nunha escola de idiomas; participarán, ademais, en diversas actividades culturais e de ocio.

Idiomas do Mundo, un programa financiado ao 100% polo Concello da Coruña

Cun orzamento de case 150.000 euros, o programa municipal Idiomas do Mundo está financiado ao cento por cento polo Concello da Coruña, que asume entre o 65% e a totalidade do custo das prazas, en función dos ingresos de cada familia.
Segundo a baremación provisional, nesta convocatoria serán 23 as prazas cubertas ao 100% polo Concello, que asume os gastos de desprazamento, a estadía en Irlanda do alumnado beneficiario, as actividades escolares e extraescolares durante o mes completo, o custo dos/as monitores/as e educadores/as que acompañan as persoas seleccionadas e tamén o seguro que cobre calquera incidencia eventual que se dea no transcurso da estadía.

A través deste programa, o Goberno de Inés Rey ofrécelle ao alumnado coruñés a oportunidade de perfeccionar o dominio do inglés e coñecer máis polo miúdo outras culturas. Ademais, os/as estudantes obterán un certificado oficial do nivel acadado, segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). Para isto, o Concello promove que o alumnado participe nunha acción intercultural aumentando a conciencia e comprensión doutras culturas e países e a educación das persoas participantes respecto á diversidade e á igualdade, ao mesmo tempo que lles permita avanzar no seu desenvolvemento persoal.

Deja un comentario