Tuesday 06 de May de 2025

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolle este xoves a presentación do proxecto “Comunidades de Innovación Rural”


O proxecto “Comunidades de Innovación Rural” busca promover o emprendemento, a innovación e a sostenibilidade no rural, usando como principais ferramentas de traballo o pensamento crítico, a creatividade e a colaboración entre persoas, entidades e administracións. A proposta, guiada pola consultora Implicatum e financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o reto Demográfico, elixiu a San Sadurniño, Moeche e Cedeira como concellos piloto -aínda que está aberta a máis municipios da zona- onde se levarán a cabo unha serie de encontros e actividades que inclúen formación, incubación de proxectos e mesmo a posta en marcha de laboratorios de innovación social e económica. A iniciativa presentarase este xoves 8 de maio ás 10:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño. Tanto a presentación como as comunidades de innovación están abertas a colectivos, persoas autónomas, empresas da zona e, en xeral, a calquera persoa ou entidade que teña ideas sobre como mellorar o territorio… e queira implicarse nesa mellora.

O proxecto “Comunidades de Innovación Rural” busca impulsar a economía e mellorar a calidade de vida no rural a través da innovación, a colaboración e a creación de redes entre persoas e entidades. A iniciativa desenvolverase entre abril e decembro de 2025 e está dirixida a persoas emprendedoras, empresas, persoas en procura de emprego, así como entidades públicas e privadas.

Un dos piares da proposta é o “Centro de Oportunidades”, que incluirá un estudo do territorio para identificar sectores clave, recursos dispoñibles e boas prácticas doutros lugares. Ademais, crearase unha plataforma web cun banco de oportunidades e unha biblioteca virtual para fomentar o emprendemento rural e o traballo colaborativo.

Tamén se porá en marcha un “Campus Rural”, que ofrecerá formación en emprendemento e competitividade empresarial, ademais de exercer a titorización individual de cinco proxectos emprendedores. A consultora Implicatum, responsable do proxecto, estima que nesta fase poidan participar arredor de 24 persoas -cun obxectivo de paridade de xénero- ás que se lles impartirán 40 horas de formación entre os meses de xuño e novembro.

Outro eixo fundamental son os “Rural Labs”, dous laboratorios de innovación aberta baseados en metodoloxías como o design thinking. Este enfoque consiste en poñer no centro as necesidades das persoas usuarias para deseñar solucións creativas e viables a problemas ou situacións complexas, a través dun proceso participativo que pasa por fases de empatía, definición, ideación, prototipado e testeo.

Finalmente, o proxecto contempla a creación dunha “Comunidade Rural Dixital”, un espazo virtual que funcionará como punto de encontro e colaboración entre axentes locais. Ademais, celebraranse dúas xornadas presenciais: unha de intercambio de experiencias e outra de presentación de resultados.

De todas estas cuestións falarase este xoves 8 de maio a partir das 10:00h na Casa da Cultura de San Sadurniño, nunha presentación do proxecto conducida por persoal de Implicatum. Non fai falla inscrición previa. Calquera persoa ou entidade que teña interese na iniciativa e non poida acudir por calquera razón, poderá ampliar datos contactando co Técnico de Desenvolvemento Local no 981 490 027 ou, mellor aínda, falando coa propia consultora no teléfono 610 250 303, no correo info@implicatum.com.

Deja un comentario