
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a renovación dos convenios entre o Concello de Carballo e a Cámara de Comercio para o impulso do emprendemento, por unha banda, e a promoción tecnolóxica e industrial, pola outra.
O acordo para o impulso do emprendemento utiliza como plataforma o viveiro de empresas situado no polígono de Bértoa. Grazas a convenio que se vén asinando nos últimos anos, o viveiro está a actuar como incubadora de proxectos empresariais locais, poñendo a disposición dos seus usuarios e usuarias servizos gratuítos de asesoramento, información ou formación. O Concello de Carballo achegará este ano un máximo de 20.000 euros para o desenvolvemento do convenio.
Dende a súa posta en marcha no ano 2007, o viveiro da Cámara da Coruña ten acollido ducias empresas e proxectos de diferentes sectores de actividade e serve como lanzadeira para que eses proxectos poidan dar o salto a instalacións propias no polígono. O viveiro está especialmente indicado para autónomos/as, emprendedores/as e empresas que inicien a súa actividade, que deste xeito poden minimizar os gastos de posta en marcha do negocio e establecer sinerxias co resto de usuarios/as das instalacións.
Na sesión de hoxe tamén foi renovado o convenio coa Fundación para a promoción tecnolóxica e industrial da Coruña e da súa área de influencia, por importe de 15.000 euros. O obxectivo principal é captar investimento tecnolóxico e industria, principalmente no contexto da Industria 4.0. Así mesmo, as actuacións que se levan a cabo están aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local.
O Plan de promoción tecnolóxico-industrial da Coruña e a súa área de influencia, promovido pola Cámara, propón tres grandes obxectivos: mellorar os factores básicos de localización industrial; a mellora competitiva da industria local que garanta a súa supervivencia e localización na área metropolitana; e un maior grao de proactividade na atracción de investimentos industriais para a área.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.