
A Filmoteca de Galicia acolleu hoxe un encontro de profesionais do sector audiovisual galego con Lara Pérez-Camiña e Enrique Costa, que comparten a presidencia da Asociación de Distribuidores Independentes Cinematográficos (Adicine). Na cita, celebrada no marco do programa de formación e intercambio Galicia ProFilme-Luns na Filmoteca, participou tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, e compartíronse experiencias e coñecementos para afondar nos distintos aspectos a ter en conta no lanzamento e difusión dunha película.
Dáse ademais a circunstancia de que Pérez-Camiña é titular da compañía BTeam Pictures e Enrique Costa, de Elástica Filmes. Ambas empresas son as distribuidoras das dúas películas españolas que competirán este ano pola Palma de Ouro no Festival de Cannes: Sirat, do cineasta galego Oliver Laxe; e Romería, da directora catalá Carla Simón. As dúas longametraxes contaron con apoio da Xunta de Galicia para a súa produción ou rodaxe.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.