Unha trintena de nenos e nenas da escola infantil municipal da Ulloa, acompañados polos seus pais e nais, participaron esta mañá na plantación de máis de medio cento de árbores autóctonas na área recreativa do Cachopal, na parroquia de Os Ánxeles (Oroso). Unha plantación que tivo lugar nun terreo cedido polo Concello de Oroso, que tamén achegou as árbores a plantar: nogueiras, bidueiros, arces…
O acto estivo presidido polas concelleiras de Ensino, Beatriz Domínguez; Turismo, Vanesa Boo; e Muller, Mari Carmen Liste, quen lles entregaron aos pequenos cadansúa árbore, un plano e unha tarxeta identificativa para que nun futuro poidan lembrar onde plantaron esta árbore. Os pequenos, que xa tiñan os buratos preparados, encargáronse de plantar as árbores coas súas pas de xoguete, sempre coa axuda dos seus pais e nais e coa supervisión das profesoras da gardería.
Baixo a lenda, “Brigadas ecolóxicas Cativos: protexendo o noso ecosistema”, os pequenos pasaron algo más de hora e media cos labores de plantación das súas árbores xa que practicamente todos repetiron experiencia. Tras repoñer forzas cuns zumes e uns emparedados, todos eles recibiron cadanseu diploma participativo e unha pegatina da iniciativa.
A plantación de hoxe forma parte do proxecto Voz Natura, promovido por La Voz de Galicia e a Fundación Santiago Rey Fernández Latore. Conta coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Corte Inglés, Alcoa e a Fundación Ramón Areces. O terreo e as árbores foron cedidas polo Concello de Oroso.