
O Intercambio escolar Eixo Atlántico 2025 entre Ribeira e Felgueiras comezou os días 28 e 29 de maio coa estadía en Portugal do alumnado da comunidade de maiores do CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño e tivo como anfitrión exemplar o alumnado de quinto curso do Agrupamento de Escolas D. Manuel de Faria e Sousa.
O primeiro día foi de presentacións e acollemento. A pesar do apagamento, e grazas ao magnífico traballo do profesorado e do persoal municipal foi todo perfecto. Recibiu aos de Aguiño o director do colexio e o alumnado anfitrión falou dos principais fitos de Felgueiras.
Os rapaces e rapazas xogaron no patio e no campo de fútbol e incluso fixeron unha visita á Casa do Pão-de-ló de Margaride no centro da cidade.
Sete días despois o alumnado de D. Manuel de Faria e Sousa de Felgueiras nos devolven a visita na xornada de hoxe e de mañá día 6. “Logo da extraordinaria e marabillosa atención que nos prestaron desde o concello de Felgueiras e o colexio anfitrión estamos desexosas de poder atender a súa visita co mesmo cariño e entrega” sinalou Alicia Padín, técnica do concello implicada no proxecto.
O programa de hoxe luns consistiu en recibir en Ribeira o alumnado de Felgueiras por parte dos compañeiros do CEIP Heroínas de Sálvora para pasar a visitar o Centro Cultural Lustres Rivas e o Museo Municipal.
Ás 13.00 h o alcalde de Ribeira, Luís Pérez xunto coa concelleira de Educación e o segundo tenente de alcalde recibiron ao alumnado e profesorado na actual Casa do Concello (antigo Auditorio). O rexedor salientou que “estes intercambios son totalmente positivos para a rapazada porque ademais de coñecerse tamén poden contrastar as diferentes realidades de cada país e descubrirán que Galicia e Portugal
teñen unha historia común e unha lingua que nos permite comunicarnos con milleiros de persoas de toda a comunidade lusófona”
Pola tarde visitarán a Lonxa de Ribeira para iniciar unha visita guiada ás instalacións e para rematar coñecerán a costa a pé ata as pasarelas de Area Secada.
Mañá martes, o alumnado de Felgueiras chegará a Aguiño onde o alumnado do CEIP Heroínas de Sálvora compartirán os seus saberes sobre Sálvora, O Carreiro, o Santa Isabel e as Heroínas de Sálvora cos seus convidados e convidadas de Felgueiras.
Despois das exposicións e o paseo polo Carreiro irase de volta ao centro para coñecer as instalacións e o proxecto pedagóxico do centro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.