
Trátase dunha actividade familiar que terá lugar este domingo 11 de maio, ás 11:00 horas. De balde, previa inscrición en bandoticket.com
O Concello de Lousame e a asociación de veciños Zernadas de Castro de Fruíme organizan este domingo 11 de maio a primeira edición da “Andaina das Letras”. Trátase dunha andaina/exposición coa que se pretende homenaxear e poñer en valor a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro, o cura de Fruíme, para o que ambas entidades levan tempo solicitando que se lle dedique un Día das Letras Galegas.
Esta “Andaina das Letras” é unha iniciativa familiar, aberta a persoas de todo tipo de condición física xa que apenas son 5 quilómetros de percorrido, con saída e meta no Adro da Igrexa de Fruíme. Cada 500 metros, as persoas participantes poderán ver unha lámina sobre a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro (1702-1777).
A participación é totalmente gratuíta, se ben é necesario anotarse previamente en www.bandoticket.com. Zernadas foi un namorado orgulloso da súa terra, defensor sen concesión da súa cultura ultraxada. E fíxoo un século antes de Murguía, Rosalía, Pondal ou Curros e dende unha aldea como Fruíme, onde tampouco descoidou a atención aos seus fregueses, a quen non so axudaba desde o púlpito senón tamén suando na leira pois, entre outras cousas, foi quen introduciu o cultivo do millo en Fruíme e quen lle ensinou aos seus habitantes a cultivalo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.