
Saen á venda as entradas para o espectáculo baseado na figura de Lucía da Conceiçâo Fernándes, a cega do Covelo
A Casa da Cultura de Neda acollerá este venres, 9 de maio, un concerto do máis especial. A protagonista non é outra que a multi instrumentista nedense María López (2004), primeira gaiteira galega que se fixo co Trofeo MacCrimmon no célebre Festival Intercéltico de Lorient. Presenta o espectáculo “Lucía da Conceiçâo Fernándes, a cega do Covelo”, cuxas entradas saen á venda, de forma anticipada, dende hoxe.
No concerto, que arrincará ás 20 horas, a artista local- graduada en gaita e piano, e unha auténtica virtuosa da zanfona- realizará un percorrido pola vida e obra desta rapsoda de orixe luso, pero afincada en Viana do Bolo, que dedicou parte de súa vida, xunto ao seu home, a amenizar, recitando cantigas de cego, feiras e localidades dun lado e doutro da Raia.
Trátase pois dun tributo, no que se interpretará con voz, zanfona, gaita e pito galego, obras que recitaba Lucía da Conceiçâo, unha das testemuñas do labor do cegos, grandes transmisores do saber popular ao longo da historia. Ademais, co gallo do Día das Letras Galegas, renderase homenaxe tamén ás cantareiras.
Gañadora da XXXIV edición do Trofeo MacCrimmon, María López ten colaborado dende nena con algúns dos artistas máis recoñecidos da música galega de raíz como Carlos Núñez ou Susana Seivane. En febreiro deste ano publicaba “Daydreaming”, o seu primeiro traballo discográfico.
As entradas para o espectáculo poden mercarse xa na Biblioteca municipal de Neda ao prezo de 2 euros (luns a xoves, de 9 a 13 e de 16 a 20 horas; e os venres só pola mañá).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.