Tuesday 06 de May de 2025

O Estado confirma que rematará o paseo da ría e substituirá a pasarela do Castelo


O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acometerá finalmente o remate do paseo interior da ría, tal como viña reclamando o Concello durante os últimos meses, tras o remate en falso da restauración da ría.

Unha boa nova que o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, celebraba así: “Recibimos a agradable noticia de que o Ministerio rematará o paseo con cargo a fondos europeos; para iso o Concello ten que ceder o solo e comprometerse a manter o paseo unha vez que realicen as obras, algo que faremos encantados”.

A comunicación ministerial fai igualmente referencia á nova pasarela ao Castelo de Santa Cruz. Tanto a obra de Perillo como a de Santa Cruz foran obxecto dunha xuntanza celebrada en Madrid co Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, o pasado 18 de febreiro. O 8 de abril, o propio Morán visitaba a ría e comprobaba en persoa o intermitente trazado do paseo e o estado da pasarela do Castelo.

“Queda xustificada por tanto a negativa do Concello a aceptar unhas obras que estaban sen rematar, polo que se nos criticaba, pero que o tempo acaba por darnos a razón”, reafirmou o alcalde.

Deja un comentario