
Inés Rey e Juan Ignacio Borrego visitan o novo espazo, resultado dun proxecto participativo no que o Concello investiu 240.000 euros
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, visitaron esta mañá o CEIP Ramón de la Sagra para comprobar o resultado das obras de remodelación do seu patio exterior, que o Concello acometeu cun investimento de case 240.000 euros.
A intervención, que partiu dun proceso participativo coa implicación de familias, veciñanza e exalumnado do centro, permitiu transformar o patio nun espazo máis naturalizado, accesible e diverso en usos. O proxecto, deseñado en colaboración co arquitecto Fermín Blanco, apostou por recuperar zonas verdes, crear novas áreas de xogo e fomentar a integración do colexio coa contorna urbana do barrio de Elviña.
Entre as principais melloras destacan a plantación de novas árbores —como castiñeiros, bidueiros, freixos, faias e loureiros—, a creación dun souto de castiñeiros con cabanas de xogo, a ampliación das superficies verdes e a habilitación dun percorrido adaptado que conecta coas escaleiras da rolda Camilo José Cela.
O patio central reservouse para a práctica deportiva, mentres que na zona infantil renovouse o castelo multixogo e incorporáronse novos equipamentos. Ademais, o novo peche paralelo ao corredor peonil, feito en táboas de madeira, incorpora elementos de xogo, converténdose así nun novo atractivo para o alumnado.
Durante a visita, Inés Rey subliñou que “esta actuación é un exemplo do noso compromiso por mellorar os espazos educativos, apostando por contornas que favorezan o xogo libre, o contacto coa natureza e a aprendizaxe activa”.
O Goberno municipal lembra que, durante o desenvolvemento das obras, garantiu que as crianzas dispuxeran de zonas seguras de xogo no centro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.