Tuesday 06 de May de 2025

Alan Parsons, icona musical e gañador dun premio Grammy, actuará na Coruña o 24 de xuño


Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, anunciou esta mañá o concerto, que se celebrará no Palacio da Ópera

Alan Parsons, o lendario músico, produtor e enxeñeiro de son recoñecido mundialmente, presentará o seu aclamado espectáculo en directo no Palacio da Ópera da Coruña o vindeiro 24 de xuño de 2025. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na presentación deste espectáculo no espazo que acollerá a actuación.
“Desde o Goberno de Inés Rey continuamos a amosar o noso potencial como cidade para acoller eventos de gran relevancia musical e artistas de todos os xéneros e xeracións”, indicou o edil, que estivo acompañado de Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, Belén do Campo, delegada territorial da Xunta, e Martín Varela, voceiro de Thinking Up Events, promotora do evento. As entradas para o concerto están á venda a través de Ataquilla.

Esta actuación supón unha oportunidade excepcional para experimentar a música dun verdadeiro “mestre sónico do rock progresivo”, gañador dun premio Grammy. Cunha carreira que abrangue décadas, Alan Parsons comezou a súa andaina nos icónicos estudios Abbey Road, onde traballou como enxeñeiro asistente nos últimos álbums de The Beatles e foi o enxeñeiro do fundamental The Dark Side Of The Moon de Pink Floyd. Como produtor, logrou éxitos notables con artistas como Al Stewart (Year Of The Cat), Pilot, John Miles e Steve Harley.

En 1975, cofundou The Alan Parsons Project xunto a Eric Woolfson, creando unha serie de álbums que definiron unha era, incluíndo Tales Of Mystery And Imagination, I Robot, Pyramid e o mundialmente famoso Eye in the Sky. Tras a disolución do Project, Parsons continuou a súa carreira en solitario e co Alan Parsons Live Project, levando a súa música a audiencias de todo o globo.

No concerto da Coruña, no marco do The Show Must Go On Tour, Parsons (teclado, guitarra e voces) estará acompañado pola súa banda actual: P.J. Olsson (voz), Tom Brooks (teclados), Guy Erez (baixo e voces), Jeff Kollman (guitarra e voces), Danny Thompson (batería) e Todd Cooper (saxo, percusión e voces). Interpretarán os grandes éxitos da súa carreira nun espectáculo que combina mestría musical e innovación tecnolóxica.

Ademais das súas 13 nominacións aos Grammy e outros galardóns como o Les Paul Award o Grammy ao Mellor Album de Audio Inmersivo (2019), Parsons é autor da serie didáctica The Art & Science Of Sound Recording e participou activamente en causas benéficas como o evento One 805 KICK ASH BASH.

Deja un comentario