
- As empresas poden presentar as súas ofertas até a noite deste venres 9 de maio
- O prazo de solicitude do campamento para as familias abrirá, previsiblemente, na primeira semana de xuño
O Concello de San Sadurniño ten en marcha o procedemento de contratación da empresa que se encargará de levar adiante a edición 2025 da Aldea de Verán, o servizo socioeducativo dirixido a familias con rapazada entre 3 e 12 anos que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto. As empresas interesadas poden presentar ata este venres 9 de maio ás 23:59h as súas propostas técnicas e económicas, sobre un máximo económico de 16.000 euros. Os pregos poden obterse na Plataforma de Contratación co Sector Público. As familias deberán agardar, previsiblemente, ata a primeira semana do mes de xuño para solicitar o servizo, que ofertará entre 30 e 35 prazas por quenda.
O prego de prescricións técnicas establece que a adxudicataria deberá proporcionar un servizo educativo e lúdico para nenos e nenas de 3 a 12 anos. As actividades desenvolveranse no ximnasio do CPI de San Sadurniño entre as 08:00h ou 09:00h -dependendo do horario de entrada elixido polas familias- e as 15:00h. A programación ofertada durante o verán deberá incluír xogos, obradoiros, dinámicas cooperativas, actividades ao aire libre e propostas centradas na educación emocional, ambiental e en igualdade. De feito, malia que a base do campamento estival estará no colexio público, a rapazada tamén gozará de propostas noutros lugares, como os xardíns municipais, o paseo fluvial ou a área da Cortiña.
Un dos requisitos clave que se piden para optar á adxudicación é contar cun equipo de traballo formado por persoas con titulación en educación infantil, primaria, animación sociocultural ou similares, ademais de experiencia acreditada en intervención coa infancia. A empresa deberá garantir tamén a cobertura de emerxencias, botiquín, control de asistencia e unha ratio mínima de atención por número de participantes.
Para determinar a mellor oferta, o Concello aplicará criterios de valoración que combinan aspectos técnicos e económicos. En concreto, ata 75 do máximo de 100 puntos posibles outorgaranse mediante unha fórmula matemática que atenderá ao orzamento -máximo 45 puntos-, ao número de actividades específicas que superen o mínimo esixido en canto a coñecemento e posta en valor dos recursos e patrimonio natural e cultural da contorna, o fomento da igualdade e o respecto pola diversidade, o persoal con coñecementos en socorrismo destinado ao campamento, as actividades relacionadas coa lingua e a cultura e o número de saídas ou excursións guiadas que se organicen a maiores das esixidas nos pregos.
A mesa de contratación tamén avaliará, desde unha perspectiva técnica, outros aspectos -25 puntos como máximo sobre o total de 100- relacionados co sistema de organización da xornada, os medios materiais e humanos que a adxudicataria destinará ao servizo (mirarase especialmente a experiencia), a maneira en que se coordinará e comunicará tanto co Concello como coas familias, a estrutura temática de todo o programa socioeducativo e o seu desenvolvemento baseado en determinados obxectivos.
Os pregos técnicos e administrativos poden consultarse e descargarse da Plataforma de Contratación co Sector Público ata as 23:59h do venres 9 de maio, momento no que tamén finaliza o prazo de presentación de ofertas técnicas e económicas, cun prezo máximo de 16.000 euros.
As solicitudes, a primeiros de xuño
Se non hai imprevistos, o Concello agarda ter completado o proceso de contratación durante este mes de maio, O servizo prestarase nos meses de xullo e agosto, coa posibilidade de elixir entre dous horarios de entrada, un a partir das 8:00h e outro desde as 09:00h, rematando en ambos casos ás 15:00h.
Se se repiten os mesmos tempos do ano pasado, as solicitudes do programa -que ofrecerá unha trintena de prazas- haberá que presentalas no rexistro ou na Sede Electrónica entre o 2 e o 13 de xuño. Con todo, uns días antes publicarase toda a información na web municipal e nas redes sociais para que a ninguén se lle pase o prazo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.