Saturday 21 de June de 2025

O plan de melloras previsto polo Concello na Urbanización Breogán avanza coa finalización das obras na rede de augas da rúa Félix Rodríguez de la Fuente


Aos traballos na rede de saneamento municipal sumarase, proximamente, a construción da nova pista multideporte que se habilitará neste núcleo residencial da Coruña. O proxecto aprobouse a finais do ano pasado

O Concello completou esta semana as obras de mellora previstas na rúa Félix Rodríguez de la Fuente, na Urbanización Breogán, onde se remodelou a rede de recollida de augas pluviais, unha intervención que forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coas veciñas e veciños do distrito.
Ao longo destes últimos meses renovouse o circuíto de colectores que recollen as augas pluviais, que se integraron na rede separativa xa existente na zona. As novas tubaxes, soterradas, son de PVC e presentan diámetros variables, de 200 a 630 mm en función do treito, unha medida clave para reforzar a seguridade ante posibles fugas de augas.

A instalación dos novos colectores foi o paso previo ás melloras no firme da calzada de Félix Rodríguez de la Fuente, unha medida necesaria para facilitar o tránsito do tráfico rodado “e tamén para facer máis eficiente a drenaxe superficial, o que permitirá a evacuación de augas cara aos pozos”, tal e como explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Ademais, aproveitando a intervención, sobreeleváronse dous pasos peonís, unha medida orientada a fomentar a redución da velocidade do tráfico rodado nas rúas do núcleo residencial.
Esta iniciativa, que supuxo un investimento de 284.000 euros, levouse a cabo baixo un formato de cofinanciamento entre o Concello e a Deputación da Coruña, ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais (POS).

A Urbanización Breogán contará cunha pista multideporte

A alcaldesa, Inés Rey, lembrou hoxe que as actuacións previstas a curto e medio prazo na Urbanización Breogán inclúen a construción dunha nova pista multideporte, intervención á que o Concello destinará un investimento de case 300.000 euros.

Tal e como se informou a finais do ano pasado, cando se informou do proxecto á veciñanza, a pista permitirá practicar deportes como baloncesto, fútbol e voleibol, sexa de forma independente ou simultánea, e as instalacións tamén contarán cun peche perimetral e un moderno sistema de iluminación na súa contorna.

O proxecto, xa aprobado en Xunta de Goberno Local, prevé que esta nova instalación deportiva estea localizada nunha parcela de titularidade municipal na rúa Antonio Casares Rodríguez.