
Rey agradece a boa acollida xeral e empraza ás CCPP a unha nova reunión a vindeira semana para analizar e dar resposta ás achegas puntuais remitidas
O proxecto de urbanización da praza José María Hernansáez, no barrio de Castrillón, presentado pola alcaldesa, Inés Rey, foi valorado de xeito moi positivo polas Comunidades de Persoas Propietarias da contorna xunto coa Asociación Veciñal do Castrillón-Urbanización Soto IAR.
Durante o encontro realizado o pasado mes de marzo, as persoas asistentes manifestaron o seu apoio inicial á proposta de remodelación, destacando a importancia de actuar nun espazo que leva anos en estado de abandono. Así mesmo, dende o Concello remitiuselle ás xuntas directivas o proxecto a fin de que puideran valoralo nas respectivas comunidades, remitindo as consideracións de novo ao Concello.
Nese sentido, a alcaldesa emprazou ás CCPP a unha nova reunión xunto coa concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, para analizar as achegas puntuais remitidas polas mesmas a través do correo electrónico facilitado e así avanzar no proxecto para a creación dunha praza accesible, con zonas verdes e espazos de lecer. Esta intervención, cun investimento de 1 millón de euros, busca mellorar a calidade de vida no barrio e avanzar nun modelo de cidade máis sostible, segura e pensado para as persoas.
Rey agradeceu a boa acollida xeral da proposta, con algunhas consideracións puntuais ou particulares: “En xeral, as achegas trasladadas polas Comunidades de Propietarios son cuestións menores que estaban xa recollidas no proxecto de urbanización da praza así como suxerencias de carácter xeral sobre mobilidade previstas polo Concello” sinalou a alcaldesa.
Así mesmo, agradeceu “a boa disposición e o espírito construtivo amosado polos veciños e veciñas”, e destacou que “o diálogo coa cidadanía é clave para sacar adiante proxectos que transformen os barrios con visión de futuro”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.