Saturday 21 de June de 2025

O Teatro Colón acollerá a estrea do novo espectáculo teatral de Bibopalula, o fenómeno televisivo para nenos e nenas


O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, celebrou que A Coruña sexa o punto de partida deste evento

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este sábado na presentación do espectáculo ‘Bibopalula’, a nova produción teatral baseada baseado na exitosa ficción televisiva. O edil estivo acompañado de Marta Lado, directora do espectáculo, Xosé A. Touriñán e Álvaro Pérez Becerra, produtores do espectáculo, Pedro González, responsable de Deleite, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Graciela Carlos, Sara Ferro, Nerea Rodríguez e Cristina Andrade, actrices do espectáculo e Andrés Mahía e Laura Mahía, creadores de ‘Bibopalula’.
“Para o Goberno de Inés Rey é unha honra que a primeira función deste novo e ambicioso espectáculo teña lugar na nosa cidade, o que reforza o noso estatus como gran referente cultural de Galicia”, indicou Gonzalo Castro durante a súa intervención. O acto celebrouse nos Xardíns de Méndez Núñez, moi preto do Teatro Colón onde botará a andar o espectáculo o vindeiro sábado 8 de xuño. Tratouse dun evento aberto ao público no que tamén participaron familias e que foi conducido por Xosé A. Touriñán.
‘Bibopalula’, a primeira serie musical de debuxos en galego, estreouse o pasado mes de novembro en Xabarin.gal, a plataforma dixital de contidos infantís da Televisión de Galicia, converténdose en poucos días no contido máis visto da canle.

A estrea do espectáculo supón tamén un fito histórico, ao tratarse do primeiro musical infantil en gran formato producido integramente en galego, con vocación de xira e cunha forte aposta pola música en directo, os efectos escénicos e a interacción co público familiar.
Tras o grande éxito, agora preséntase o espectáculo teatral. Esta proposta de teatro infantil de gran formato, inédita en Galicia, cunha gran presenza musical, estrearase o próximo  sábado 7 de xuño no Teatro Colón da Coruña, para comezar unha xira na que visitará diferentes cidades galegas. As entradas xa están á venda.