
A O Concello de Neda rendía onte tributo ás nais veteranas do municipio. Seis veciñas de entre 92 e 94 anos convertíanse en protagonistas desta sentida homenaxe institucional, recibindo o aplauso e cariño do público asistente, entre o que non faltaban familiares e amizades.
María Carmen Montero Mauriz, Manuela Torrente Picos, Dolores Pico Fraga, María Elia Couceiro García, Celsa María Rioboo Castro (a coñecida Pachú), María Luz Pereiro Martínez foron subindo ao escenario da Casa da Cultura, ao tempo que a presentadora da velada, Ana Berta Varela, aportaba pinceladas das súas biografías. Non puido asistir, finalmente, por un problema de saúde, Josefa Rodríguez Sánchez.
Nais, avoas e, na maior parte dos casos, bisavoas, as homenaxeadas neste II Festival Día da Nai foron mulleres traballadoras que non aforraron esforzos por dar o mellor de si ao seus. Bo exemplo é o de Mª Luz Pereiro, viúva con 26 anos, que foi quen de sacar adiante en solitario aos catro fillos que tiña.
O alcalde, Ángel Alvariño, e a concelleira de Cultura, Marián Bello, foron os encargados de entregarlles as placas conmemorativas e cadanseu ramo de flores, antes de que ocuparan a primeira fila para seguir o espectáculo.
Non faltaron durante a cita tampouco os agasallos en forma de poesía, a cargo de varias das alumnas da escola municipal de teatro infantil, da propia presentadora, da concelleira de Cultura e mesmo de Pachú, unha das homenaxeadas, e tamén de música. Fixeron as delicias do público a rondalla Lucero del Alba, que finalizaron a actuación coa interpretación do tema “Mujer”, e o grupo de acordeóns da Escola de música BellónMaceiras, que concluíron, acompañados polo público, cunha versión da popular “Camariñas”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.