
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, subliñou a necesidade desta intervención, concibida para visibilizar os percorridos peonís e pacificar o tráfico preto dos centros educativos e do ambulatorio dos Rosales
O Concello completou esta semana o plan para mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria ao longo da estrada dos Fortes, un percorrido sometido a un intenso tráfico diario e que é a principal porta de acceso ao centro de saúde dos Rosales e tamén dos centros educativos de Calasancias e Calasanz.
Os traballos, que arrincaron a mediados de febreiro, executáronse no treito que conecta a rolda de Outeiro co cemiterio de San Pedro de Visma, trazado bidireccional no que, baseándose nos informes municipais e nos datos recadados polo radar pedagóxico alí existente, era preciso implantar medidas de reforzo en materia de seguridade viaria.
“A velocidade máxima na estrada dos Fortes xa era de 30 quilómetros por hora, mais entendemos que era fundamental dar un paso máis en materia de prevención e, por iso, actuamos tanto na calzada como nos espazos públicos da contorna, mellorando e facendo máis visibles os percorridos peonís”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Neste sentido, acometeuse a sobreelevación dos pasos peonís existentes e, en paralelo, dispuxéronse máis redutores físicos da velocidade e reforzouse a sinalización horizontal e vertical. Ademais, creouse unha nova orella de protección peonil no cruzamento coa rúa Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e, xa na beirarrúa de acceso ás Calasancias, implantouse unha varanda de protección para reforzar o espazo de paso das crianzas.
Ademais, tal e como se informou en febreiro, cando arrincaron os traballos, tamén se duplicaron os espazos de estacionamento que había anteriormente no acceso norte do parque Adolfo Suárez, moi preto das Calasancias en sentido de baixada e fronte á entrada principal ao Calasanz, facilitando así o estacionamento ás familias que recorren ao vehículo privado para recoller as crianzas tras a xornada lectiva.