
O Concello de Oleiros leva xa varios anos reclamando á Consellería de Educación que arranxe un espazo que quedou sen rematar desde que se fixo a obra do comedor no Colexio Valle-Inclán de Perillo. O próximo martes, o alcalde, Ángel García Seoane, e a concelleira de Ensino, María José Santos, reuniranse co director territorial da Consellería para tratar o asunto.
En 2019 realizáranse as obras do comedor e tras elas ganouse un espazo na parte superior que se está utilizando como almacén grazas a unhas portas de acceso habilitadas polo Concello, pero as súas paredes continúan co ladrillo visto e o chan sen arranxar.
Actualmente este espazo do Colexio adquire un valor estratéxico máis alto, xa que o centro foi beneficiado cun programa de innovación pedagóxica promovido pola propia Consellería, relacionado coas competencias dixitais do alumnado. Este programa, denominado Polos Creativos, incorpora aos recursos educativos unha considerable cantidade de equipamento, moi positivo para o centro, pero que debería instalarse nesa zona do edificio hoxe en barbeito, onde tamén se ubicaría unha sala multiusos.
O Concello agarda que a Consellería acometa canto antes a obra necesaria para esa habilitación do espazo e a súa incorporación ás actividades educativas, co que se reforza a calidade do ensino público e o prestixio dos centros educativos do municipio.