Saturday 03 de May de 2025

Enoturismo María Manuela acolle mañá sábado a cuarta edición de Os Maios “Ó noso xeito”


Contará coa asistencia do conselleiro de Cultura, do secretario xeral da Lingua e do alcalde de Boqueixón

As instalacións de Enoturismo María Manuela, no lugar do Pazo (Boqueixón), acollerán mañá sábado 3 de maio, a partir das 17:00 horas, a cuarta edición de Os Maios “Ó noso xeito”, unha celebración festiva que honra as tradicións, o viño, a música, a literatura e o talento da nosa terra.

Ao longo da xornada, os asistentes poderán desfrutar de degustacións de produtos locais, actuacións musicais en directo e unha serie de presentacións que reflicten o espírito innovador e sostible do proxecto María Manuela. Os visitantes terán a oportunidade de explorar este espazo extraordinario, que inclúe nove cabanas baixo unha gran carballeira, unha fermosa bodega e unha espectacular plantación de uva albariño.
A responsable de Enoturismo María Manuela, Nieves Millán, será a encargada de presentar as novidades deste proxecto, que aposta polo turismo sustentable e a posta en valor da identidade local. Xunto a ela, daranse a coñecer outras iniciativas emprendedoras como:
• Klout, moda sostible con identidade propia
• Mamá Teresa, doces artesáns elaborados con receitas tradicionais
• UllaXtreme, experiencias de aventura e descensos polo río Ulla
• Namente Psicoloxía, proxecto dedicado ao benestar e crecemento persoal, liderado por Adriana Rodríguez
Un dos momentos destacados da xornada será a presentación do libro infantil “Cando era pequena”, unha obra de Hércules Edicións escrita polo arxentino R.J. Peralta e ilustrada por Blanca Millán.
O acto de presentación comezará ás 17:45 horas e estará presidido polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e contará coa participación do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez.

Deja un comentario