Saturday 03 de May de 2025

Curtocircuíto transfórmase en festival de verán e volve ás rúas no mes de xullo


O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), celebra a súa vixésimo segunda edición cunha renovación de modelo e un adianto de datas. O evento celebrarase entre o 1 e o 6 de xullo e volve ás rúas, coa proposta de xerar espazos de intercambio entre a cidadanía e os artistas nos que compartan e reflexionen sobre o seu traballo.

O director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo, apunta que “devolver Curtocircuíto ao seu formato orixinal é un bonito reto que sen dúbida abrirá o festival a un público máis diverso. Os cinemas de verán históricamente foron un espazo ideal para facer comunidade e propiciar a convivencia entre veciños e visitantes, achegando a cultura e o pensamento de forma accesible e interxeracional”.

O festival recupera así a súa identidade orixinal e, aproveitando os recursos que ofrece a cidade de Compostela e a súa singularidade patrimonial, pretende devolver á cidadanía unha proposta curatorial que non priorice a novidade e a competición senón o intercambio entre a comunidade creadora e a veciñanza. Curtocircuíto quere seguir sendo un punto de encontro cultural que sexa xanela para o intercambio de coñecemento e experiencias locais e internacionais, á vez que se converte tamén nun atractivo lúdico para a época estival.

O festival manterá unha programación internacional e interdisciplinar que seguirá tendo o cinema como eixo principal. Ademais de manter as seccións competitivas Planeta GZ, Supernova e Cosmos, o encontro e convivencia entre artistas, cineastas e público serán o punto de partida para xerar lugares de debate, reflexión e coexistencia co público fóra das estruturas competitivas.

O novo modelo de festival combinará a súa programación nas sedes habituais coa presenza no espazo público de Compostela. As prazas e as rúas da cidade servirán como anfiteatros naturais nunha aposta por devolver o espazo público á cidadanía e ofrecer alternativas á imaxe máis turística da capital galega. Na súa próxima edición, as actividades de Curtocircuíto desenvolveranse en espazos xa coñecidos como o Auditorio de Galicia, Teatro Principal, a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC ou a Facultade de Psicoloxía e emprazamentos históricos do festival como a Praza da Quintana ou a Praza de Praterías.

 

Curtocircuíto Campus

A formación e a presenza nos centros educativos da cidade seguirá sendo un dos acenos de identidade do festival e no seu compromiso por preservar e apostar polos novos talentos e contribuír á formación de novos públicos e pensamento crítico, desenvolverá este ano Curtocircuíto Campus.

Entre o 5 e o 13 de maio levarán a cabo actividades dedicadas en exclusiva á alfabetización audiovisual, a creación de novos públicos e a formación en xeral. Cada edición , máis de 2.000 estudantes participan nestas actividades que reforzan o espírito fundacional do evento.

A programación, dirixida a público infantil, escolar, universitario e profesional, estará dividida nas seccións Teenage Riot e Criaturas, dedicadas á xeración de novos públicos e que contan co apoio de Deleite, e Satélite FÄCOM, en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación e o Club de Cinema FACOM. Realizarase tamén a Cátedra Cruz Vermella – USC, na que se ampliará programación con respecto a edicións anteriores e que este ano estará centrada nos aspectos positivos do envellecemento. De novo levará a cabo a Residencia Artística, que conta co apoio da Universidade de Santiago e Cafés Candelas, e que, a través da fotografía, reivindica unha imaxe de Santiago de Compostela que contraste coas representacións tradicionais da cidade. Ademais, nesta nova edición recuperarase a Sección Canteiras, que pon en valor a alfabetización audiovisual e promoción de prácticas que capacitan o estudantado para coñecer, interpretar e expresarse a través da creación audiovisual e a reflexión en torno á linguaxe visual.

Deja un comentario