Saturday 03 de May de 2025

O Concello de San Sadurniño incorpora ao seu cadro de persoal un novo ofcial de maquinaria


Os dous operarios temporais contratados a través do PEL provincial tamén empezaron a traballar esta semana

 

O despacho da alcaldía acolleu esta mañá a sinatura do contrato laboral de David Cebreiro Cendán, novo oficial de maquinaria do Concello de San Sadurniño. Cebreiro Cendán, veciño de Bardaos, foi o aspirante que obtivo a maior puntuación na selección iniciada polo consistorio hai case catro anos, impoñéndose aos outros seis candidatos admitidos no procedemento, todos eles homes. Como oficial de maquinaria, o novo traballador municipal atenderá principalmente o manexo dos tractores e camións do Concello, ademais de desenvolver outros labores definidos para a praza na Relación de Postos de Traballo. A contratación de David Cebreiro cadra no tempo coa resolución doutro procedemento, neste caso de carácter temporal, para cubrir os dous postos ofertados a través do PEL da Deputación da Coruña.

O Concello convocou hai tres anos -o 12 de abril de 2021- unha praza de oficialía de maquinaria para cubrir o posto encargado da condución do camión do lixo, dos tractores e doutros vehículos municipais, ademais de levar a cabo outras tarefas de apoio, principalmente na área de Obras e Servizos.

Á convocatoria presentáronse sete persoas das que finalmente foron admitidas seis. Delas, só concorreron catro ao exame teórico e, trala súa celebración, só quedaron dous aspirantes para continuar coa proba práctica e a entrevista persoal.

Porén, os prazos que debían irse cumprindo en cuestión de semanas, botaron case dous anos estancados debido a retrasos do tribunal, o que obrigou ao consistorio a variar a súa composición para poder continuar co procedemento.

Deste xeito, en febreiro deste ano puido reanudarse o proceso selectivo coa realización das dúas probas que faltaban e, trala publicación dos resultados e o cumprimento dos prazos legais -incluída a resolución de alegacións- a adxudicación do posto recaeu en David Cebreiro Cendán, quen esta mesma mañá asinou na alcaldía a documentación do seu contrato como persoal laboral do Concello.

O novo operario municipal na praza de Oficial de maquinaria terá como cometidos -segundo se recolle na Relaciónde Postos de Traballo- a coordinación e planificación xeral das actividades da área, como por elexemplo a recollida dos residuos sólidos urbanos e os voluminosos, o control da iluminación pública e o coidado de espazos públicos e infraestruturas de abastecemento, entre outros. Ademais, deberá recoller información sobre incidencias, apoiar campañas ambientais, xestionar emerxencias, conducir o camión do lixo e realizar outras tarefas relacionadas co departamento.

Tras asinar hoxe o contrato e coñecer ao resto do persoal municipal, David Cebreiro Cendán empezará a traballar o luns.

Deja un comentario