
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe dos avances nos traballos. Proximamente, os elevadores permitirán salvar o desnivel existente e facilitar o acceso das persoas con mobilidade reducida nun percorrido de forte pendente
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe dos últimos avances con vistas á posta en funcionamento dos dous novos ascensores que o Concello habilitará proximamente entre as rúas Pintor Villar Chao e Juan Montes, unha iniciativa impulsada co obxectivo de mellorar a accesibilidade universal entre a avenida de Oza e o barrio do Castrillón, unha zona caracterizada polas súas pendentes.
Os traballos, cofinanciados con fondos Next Generation, están levándose a cabo na escalinata peonil da rúa Pintor Villar Chao. Anteriormente, este percorrido só permitía a subida e baixada a pé desde Juan Montes, “mais o paso de persoas con mobilidade reducida ou en cadeira de rodas era inviable, o que obrigaba, nestes casos, a facer un rodeo considerable a moitas veciñas e veciños”, explicou Rey, acompañada esta mañá pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Desta forma, a instalación destes dous novos ascensores contribuirá a acurtar estes traxectos e, de paso, dará unha alternativa máis ás persoas usuarias da escalinata, un punto de tránsito peonil habitual entre O Castrillón e a avenida de Oza.
Tal e como expuxo a rexedora, o primeiro dos ascensores, ubicado na zona de menos cota, salva un desnivel de tres metros, desde a cota da calzada e ata o descansillo de maior tamaño, onde está situado o acceso aos portais residenciais dos números 12 e 13 de Pintor Villar Chao. O segundo dos elevadores salva a diferencia entre este descansillo e a rúa Juan Montes, un desnivel de aproximadamente catro metros.
Ademais, e como ata agora, as escaleiras manteranse para garantir o tránsito no caso de que os ascensores estean parados puntualmente por tarefas de mantemento.
O investimento do Concello nesta actuación é de máis de 430.000 euros, cofinanciados con fondos europeos Next Generation.
Compromiso para mellorar a mobilidade vertical nos barrios da cidade
Na visita desta mañá á rúa Pintor Villar Chao, Inés Rey incidiu nos avances que está a promover o Concello para dar resposta ás diversas necesidades dos barrios da Coruña en materia de mobilidade vertical.
“Pola súa orografía e as características das súas rúas, O Castrillón precisa melloras neste sentido. Non é un caso único, porque tamén estamos a actuar en Monte Alto, na escalinata de Adelaida Muro, para habilitar unhas novas escaleiras mecánicas cubertas”, precisou Rey, que lembrou que estas actuacións lévanse a cabo froito dun estudo previo, que tamén contempla aspectos como as pirámides poboacionais de cada distrito. No caso específico do Castrillón, con moitas e moitos veciños en idades avanzadas.
Neste sentido, a rexedora apuntou que a folla de ruta na que está a traballar o Concello prevé, a medio prazo, máis actuacións en espazos públicos de barrios como A Falperra.