Saturday 03 de May de 2025

O Xeodestino Terras de Santiago aposta por promover o turismo na comarca a través dunha gastronomía baseada nunha produción ecolóxica, de calidade e de quilómetro cero


Compostela acollerá a próxima semana a xornada “O fío verde”, na que unha vintena de produtores locais reuniranse con restauradores e empresas de catering

Dotar aos restaurantes dunha materia prima ecolóxica, de inmellorable calidade e de quilómetro cero que lles permita dar un salto adiante á nosa gastronomía e convertela nun dos eixos principais da promoción turística do Xeodestino Terras de Santiago, xunto aos seus recoñecidos atractivos paisaxísticos, culturais, naturais e patrimoniais. Este é o obxectivo principal da xornada “O fío verde”, primeira acción de promoción turística organizada polo Xeodestino Terras de Santiago e que terá lugar a próxima semana en Compostela.

“O fío verde” reunirá a unha vintena de produtores locais de produtos de horta ecolóxica, leite, queixo, pasta fresca e distintos produtos cárnicos con restauradores e empresas de catering que se atopan na área de influencia do Xeodestino Terras de Santiago coa intención de que poidan incorporalos á súa lista de provedores. Uns emprendedores e emprendedoras dos municipios que integran este xeodestino: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra.

“Levamos a terra no noso nome, por algo somos o Xeodestino Terras de Santiago. Unha terra vinculada non só a nós, senón tamén aos nosos devanceiros. E con esta iniciativa estamos intentando recuperar uns sabores que parecían esquecidos, aqueles dos nosos avós e avoas porque estamos convencidos de que a súa frescura, a súa autenticidade e a súa calidade constitúen un atractivo innegable e unha das fortalezas da nosa proposta turística ao visitante”, explican dende a organización.

A xornada “O fío verde” está organizada polo Xeodestino Terras de Santiago en colaboración co GDR Terras de Compostela e Slow Food Compostela. Terá lugar a próxima semana nun establecemento hostaleiro compostelán e agárdase contar tamén coa asistencia dos concelleiros e concelleiras de turismo dos once municipios que integran este xeodestino.

Deja un comentario