
— Ángeles Vázquez anima aos particulares a participar os vindeiros 17 e 18 de maio no Tinglado coruñés, onde poderán vender todo tipo de obxectos e darlles unha segunda vida apostando así pola reutilización
— Habilitaranse 70 expositores de catro metros cadrados cada día cun horario de atención ao público entre as 10,30 e as 14,00 horas e entre as 16,00 e as 20,30 horas
— A conselleira anuncia a renovación dos convenios marco dos Sistemas de Responsabilidade Ampliada do Produtor para o período 2025-2028, que supoñen importantes melloras na retribución aos concellos pola xestión e almacenamento dos residuos derivados de aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e acumuladores
A Xunta de Galicia promove que a cidadanía aposte pola compra de produtos de segunda man co fin de reducir a produción de residuos, un xeito responsable de actuar no que se aposte á vez pola reutilización, a reciclaxe e o coidado do medio ambiente. Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a presentación do mercado circular do Tinglado na Coruña, onde destacou a importancia de darlle unha segunda vida a produtos que están en perfectas condicións para ser usados.
Esta terceira edición do Tinglado, tralas organizadas no Nadal na cidade de Vigo e o pasado febreiro en Ferrol, celebrarase os días 17 e 18 de maio no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco), onde a cidadanía terá a oportunidade de vender e mercar todo tipo de produtos -como roupa, libros, xoguetes, artigos de fogar e de decoración- para darlles un segundo uso a eses obxectos.
A representante do Executivo galego apostou por avanzar na redución dos residuos que se xeran, cambiar a forma de consumir e apostar por produtos de calidade que duren no tempo e poidan ter moitas vidas, incluso pasando por diferentes mans. Para iso, destacou a importancia de iniciativas coma esta, que permitirá que ata 140 particulares -70 cada día- teñan á súa disposición expositores de catro metros cadrados co mobiliario necesario para expoñer os artigos que desexen vender. O horario de venda ao público será de 10,30 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,30 h.
Os particulares interesados en participar neste mercado circular poden inscribirse de balde desde hoxe ata o vindeiro 12 de maio na web do Tinglado. A adxudicación de espazos realizarase por rigorosa orde de recepción dos formularios.
Ángeles Vázquez agradeceu á Autoridade Portuaria da Coruña a colaboración para poder celebrar este evento e confiou en que repita o éxito dos organizados en Vigo e Ferrol, nos que participaron vendedores de toda Galicia e houbo unha importante afluencia de xente interesada en adquirir produtos de segunda man de boa calidade.
Colaboración
A conselleira tamén aproveitou o evento para anunciar a renovación dos convenios marco dos Sistemas de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SRAP) a través dos que se xestionan e almacenan nos municipios os residuos derivados de aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e acumuladores e os Gobernos locais reciben compensacións por cada tonelada xestionada, en función do sistema de almacenamento empregado.
Os convenios, renegociados para o período 2025-2028, supoñen importantes melloras na contrapartida que reciben os concellos. No caso dos aparellos eléctricos e electrónicos supón pasar de cobrar arredor de 96 euros por tonelada co anterior convenio a superar os 130 euros por tonelada no próximo rexistrando incrementos interanuais, o que supón unha suba de arredor do 35%.
Algo semellante ocorre co convenio de pilas e acumuladores portátiles, no que antes os Gobernos locais recibían 490 euros por tonelada e que co novo acordo pasarán a percibir 589 euros por tonelada en 2025, contía que subirá ata os 607 euros no 2028. Deste xeito, a contía a percibir incrementaríase máis dun 20% nos próximos exercicios.
Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou o papel da Xunta como mediadora na consecución destes acordos favorables para os concellos e salientou que nos vindeiros días se lle trasladarán os documentos á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o seu estudo e valoración.
Plan de residuos municipais
A celebración do Tinglado enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas neste eido. Con este plan o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15% a xeración de refugallos respecto a 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores e un 20% as perdas de alimentos ao longo das cadeas tanto de produción como de subministración.
Co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia reduciu máis dun 5% a produción de residuos e os enviados a vertedoiro descenderon case un 37%, co que a comunidade se sitúa por debaixo da media estatal e máis próxima á media europea.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.